DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A través da participación na Olimpíada Solidaria de Estudo

Cada hora na biblioteca universitaria convértese nun euro para proxectos de cooperación no Congo

Entidades colaboradoras transformarán ese tempo en diñeiro

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Estudantado
  • Institucional
DUVI Ourense 26/02/2024

A Biblioteca Rosalía de Castro do campus de Ourense participa desde o pasado 15 de febreiro e ata o 15 de marzo na XX edición da Olimpíada Solidaria de Estudo, organizada por Coopera ONG. Con esta iniciativa, as horas de estudo neste centro transformaranse en diñeiro solidario para proxectos de cooperación, neste caso na República Democrática do Congo, en África.

A Olimpíada, lembran desde a súa organización, é unha actividade de sensibilización xuvenil cunha traxectoria de 20 anos que aúna estudo e solidaridade e a través da cal xuventude e empresas poden participar e comprometerse con proxectos de cooperación ao desenvolvemento. Para participar, as e os usuarios da biblioteca do campus, ao igual que os dos demais centros participantes en numerosas provincias españolas, só teñen que seguir uns pequenos pasos: ao rematar as súas horas de estudo ou lectura escanear o código QR dos carteis da olimpíada que están na súa entrada e rexistrar as horas realizadas. Cada hora será transformada nun euro polas entidades patrocinadoras da iniciativa, diñeiro que a organización destinará a financiar o proxecto de cooperación elixido.

Este ano, indican desde Coopera, o diñeiro recadado destinarase á “formación de profesionais en saúde mental para o restablecemento psicolóxico das mulleres, nenos e superviventes vítimas dos conflitos bélicos na provincia de Kivu Sur, na República Democrática do Congo”. Concretamente, destinarase á formación de 24 profesionais da medicina, enfermaría, psicoloxía e asistencia social “en técnicas modernas no tratamento do trauma” co obxectivo de que poidan dar atención a unha poboación de 2520 persoas, das cales unha alta porcentaxe son mulleres, nenos e nenas.