DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O día 8 de novembro comezan as sesións na sala 1.3 do Edificio de Ferro

Cada xoves, unha cita coa orientación laboral

As persoas que se acheguen recibirán información de utilidade para a busca activa de emprego

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 06/11/2012
Buscar emprego e sobre todo buscar emprego no actual contexto dunha forte crise económica é unha tarefa ardua. Para axudar á comunidade universitaria e aos recentemente titulados da Universidades de Vigo a atopar traballo, a Oficina de Emprego e Emprendemento do campus de Ourense celebrará desde esta semana e cada xoves unhas Xornadas de Orientación Laboral. Aprender a facer un currículo e unha carta de presentación ou coñecer os principais portais web de utilidade serán algunhas das cuestións que se traballarán nestas sesións.

“A cita será cada xoves de 10.00 a 11.00 horas na sala 1.3 do Edificio de Ferro e o obxectivo fundamental é axudar ás persoas e grupos que se acheguen a levar a cabo unha busca activa de emprego”, explica Rosa Nóvoa, técnica da Oficina de Emprego e Emprendemento encargada de impartir as charlas. “Queremos que a xente dispoña de ferramentas prácticas necesarias para enfrontarse mellor ao difícil reto de atopar un posto de traballo, en moitos casos o primeiro emprego. Por este motivo, aos asistentes axudarémoslles a definir o seu obxectivo profesional e a identificar que recursos profesionais e persoais poden ofrecer ao mercado laboral. Tamén lle explicaremos os diferentes modelos de currículo e de cartas de presentación existentes e veremos páxinas web de interese, entre outras custións”, subliña.

En función de cada caso

A primeira sesión das Xornadas de Orientación Laboral terá lugar o xoves día 8 de novembro. Segundo explica Nóvoa, serán charlas dunha hora de duración na que se comezará dando unha información xeral aos asistentes para logo, en sesións posteriores, ir orientando laboralmente a cada un dos participantes segundo as súas necesidades específicas. “En función do posto de traballo ao que aspires, de se tes experiencia laboral ou non e de se tivesches períodos de inactividade, a forma de dirixirte ás empresas debería ser diferente”, apunta a técnica. Un currículo claro e coa información axeitada, sen faltas de ortografía e con boa imaxe, advirte, é fundamental para dar unha primeira boa impresión a calquera empresa ou entidade.

As xornadas están abertas a todas as persoas que se queiran achegar, podendo inscribirse previamente na Oficina de Emprego e Emprendemento, situada no Edificio Administrativo do campus de Ourense, no enderezo electrónico emprende-ou@uvigo.es ou no teléfono 988 387 306.