DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Dous estudantes de BBAA organizan un taller con persoas con discapacidade na sede de Amencer-Aspace

Cadeiras de rodas convertidas en ferramentas para crear

Neste proxecto, promoven a creación dunha obra conxunta e a súa posterior adaptación a obxectos coti

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Eduardo Muñiz DUVI 05/05/2015

Trasladar á práctica, a partires de diferentes exercicios plásticos, “a idea de que unha cadeira de rodas non é unha barreira de comunicación” é o propósito central do taller que Esther Gandía e Yoshimar Tello, dous estudantes da Facultade de Belas Artes, desenvolven desde hai unhas semanas cun grupo de usuarios e usuarias do centro de Amencer-Aspace en Pontevedra. No marco do programa de voluntariado da Universidade, estes alumnos organizan un obradoiro no que os asistentes traballan na elaboración dunha obra conxunta “a partires dos recursos que a cadeira de rodas pode ofrecerlles como ferramenta de traballo que posibilita a mobilidade e a expresión de quen a dirixe”.

Grazas á adaptación con brazos móbiles nos que se suxeitan pinceis ou rolos das súas cadeiras, este grupo de oito persoas con parálise cerebral convértense nos responsables da creación da obra colectiva que se está a xerar desde comezos de abril neste taller. Nel Tello e Gandía exercen “como axudantes que aplicamos a pintura ao soporte, para que eles, de forma autónoma, se movan ao longo da superficie e estendan a pintura”, segundo explica esta última, estudante do máster en Arte Contemporánea. Creación e Investigación.

Mais o obxectivo final desta iniciativa, que comprende dez sesións semanais de tres horas e se estenderá ata o mes de xuño, non é tanto obter un resultado concreto, senón contribuír “a desenvolver a creatividade e a expresión individual” das oito persoas que participan no taller. “Aínda que neste caso, faise conformando un obxecto a partires da colectividade, colaborando entre todos”, como engade Tello, estudante mexicano de intercambio procedente do Centro Universitario de Arquitectura, Arte e Deseño de Guadalajara, da Red Universitaria de Jalisco.

Do mesmo xeito, os seus responsables inciden tamén en que o proxecto non pasa só pola creación desta obra, senón que propón tamén “a adaptación das creacións realizadas durante as sesións a obxectos cotiás e comercializables”, de tal xeito que abra a porta, “máis aló da realización persoal dunha obra plástica” a atopar neste taller “un obxectivo práctico, que permitiría a obtención duns recursos económicos”, explican.

Unha experiencia pedagóxica e humana

A raíz do contacto coa Plataforma de Accesibilidade Solidaria de Vigo PasoVigo, a Facultade de Belas Artes puxo en marcha en 2011 un proxecto de voluntariado específico que vincula arte e discapacidade e no que, desde a súa posta en marcha, participaron preto de 35 alumnos e alumnas do centro. Estimular a creatividade das persoas asistentes aos diferentes obradoiros é o obxectivo principal dunha serie de talleres que supoñen tamén unha “grande experiencia pedagóxica e humana” para o alumnado universitario, como salienta a coordinadora deste proxecto, a profesora Loreto Blanco. Por unha banda, porque lles obriga a aplicar “as pautas metodolóxicas creativas apropiadas ás características específicas destes colectivos”, e, por outra, porque en moitos casos supón a primeira ocasión na que exercen como responsables duns talleres nos que se atopan “con persoas libres de prexuízos, con actitude aberta e dispoñibilidade absoluta”.

Nese senso, Blanco incide na achega de autoestima e confianza que supoñen para as persoas con discapacidades esta serie de iniciativas que, engade, tratan de distanciarse das actividades de terapia ocupacional para “primar o proceso artístico”. De feito, todos os participantes deben previamente deseñar un proxecto de taller, que na maior parte dos casos céntranse no debuxo e na pintura, e un plan de traballo centrado precisamente en estimular aos asistentes e promover “unha viaxe cara a súa propia creatividade”.

Unha viaxe que está a resultar “moi agradable” para Tello e Gandía que, no seu primeiro ano na facultade non dubidaron á hora de inscribirse neste programa de voluntariado. “Non tiñamos moi claro con que sector queríamos participar, pero si que queríamos vivir este tipo de experiencia”, apunta Gandía, que incide en que “nos centros dos que proviñamos non existían este tipo de iniciativas”, ao tempo que amosa o seu desexo de que o taller que están a levar a cabo “sexa o comezo dun traballo que puidese nutrir de múltiples formas aos participantes e ao centro”

Nese senso, estes dous alumnos recalcan tanto o “bo ambiente” das diferentes sesións, como o que esta experiencia lles está a achegar no persoal. “Sentímonos honrados por coñecer a persoas tan exemplares, non poderíamos estar máis agradecidos coa oportunidade que nos brindan”, engade Gandía, que incide en que, como estudantes, “máis aló das nosas burbullas persoais, son moitos os servizos que somos capaces de brindar á sociedade”.