DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os xogadores junior conseguen tamén unha ampla vitoria contra o Ferrol, ao que derrotaron por 64-36

O cadro sénior masculino de baloncesto derrota ao Allariz por máis de 20 puntos

As xogadoras do Universitario Campus Ourense, pola contra, perden pola mínima contra o Baiona

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Raquel Feijóo DUVI 16/11/2009
Os equipos de baloncesto masculino acadaron esta fin de semana sendas vitorias contundentes contra os seus rivais. O cadro sénior, o Universitario Campus Ourense, venceu ao Allariz por máis de vinte puntos de diferenza, acadando un resultado de 69-92. O equipo junior, o Campus Ourense Blanco Amor, derrotou ao Ferrol por un resultado de 64-36, conseguindo unha diferenza sobre o rival de 28 puntos. Pola contra o cadro sénior feminino de baloncesto perdeu pola mínima, dous puntos de diferenza, contra o Baiona.
“Vitoria contundente”. Así cualifica o adestrador do Universitario Campus Ourense, Javier Pérez, o partido que o equipo xogou este sábado contra o CB Allariz Blanco Quintas, ao que derrotou por un resultado de 69-92. Javier Pérez recoñece, así mesmo, que o encontro foi “moito máis fácil do esperado”, e que os seus xogadores dominaron todo o partido. “Impuxemos o noso ritmo dende o comezo, cunha gran fluidez no xogo e defendendo con intensidade. Empezamos moi forte dende o principio, e o equipo rival xa non puido remontar o partido”, explica. O encontro tivo lugar no campo do Allariz e contra o líder da clasificación polo que, para Javier Pérez, “a vitoria ten aínda máis mérito”. Na actualidade, o cadro sénior masculino de baloncesto está de segundo na táboa de clasificación, empatado a nove puntos co Allariz, o terceiro da lista. O líder é o C.B. Tui con dez puntos.
O próximo partido será o día 21 de novembro, ás cinco da tarde, no pavillón universitario contra o Xuventude Baloncesto de Cambados.
.

Vitoria contundente do cadro junior de baloncesto contra o Ferrol

E vitoria contundente tamén a conseguida polo cadro junior masculino de baloncesto, o Campus Ourense Blanco Amor, que esta fin de semana xogou contra o Ferrol acadando un resultado de 64-36.
Este resultado sitúa ao equipo junior no segundo lugar da clasificación con 3 puntos, os mesmos que o terceiro clasificado, o Caixanova Rosalía. O líder da táboa é o Marín Peixe Galego con catro puntos
O próximo partido do Campus Ourense Blanco Amor será o día 22 de novembro contra o Peleteiro.
O Universitario Campus Ourense, o equipo sénior feminino, pola contra, perdeu pola mínima, dous puntos de diferenza, contra o C. B. Baiona. O equipo afrontou este encontro coas gañas e o optimismo que lles dera a súa vitoria anterior contra o equipo vigués San José Guía, pero ao final non puido ser e o cadro ourensán caeu derrotado. A próxima cita das xogadoras será este sábado, 21 de novembro, contra as viguesas do Área Complexo Deportivo. O encontro terá lugar ás sete da tarde no pavillón universitario.