DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Asociación Trabalingua e a Área de Normalización Lingüística organizan o II Día da Ciencia en Gale

Café con... ciencia

Ademais da divulgación, potencian o uso do galego en ámbitos máis especializados do saber

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Bea Feijoo DUVI 11/11/2011

Por que os temas científicos non poden traspasar as paredes das aulas e dos laboratorios? Ante esta pregunta, a asociación estudantil Trabalingua e a Área de Normalización Lingüística (ANL) da Universidade de Vigo, en colaboración coa Vicerreitoría do campus de Pontevedra, organizaron o II Día da Ciencia en Galego, unha actividade que ten como obxectivo contribuír á divulgación científica en lingua galega, pero dunha forma lúdica. O formato escollido, o dos cafés-teatro, confirma que "se pode conversar sobre ciencia en calquera lugar e por calquera medio, e por suposto, en galego, intentando rachar cos prexuízos de que hai linguas máis acaídas que outras”, explican dende a ANL.

As xornadas pretenden achegar o coñecemento de temas moi especializados á cidadanía en xeral, empregando unha linguaxe sinxela e próxima. “A ciencia forma parte das nosas vidas, da nosa evolución, e do progreso humano, polo que pode ser tema de conversa interesante en calquera ámbito e que se axeita perfectamente ao grao de coñecemento de calquera persoa”, sinalan os organizadores. Ademais, a ANL contribúe nesta iniciativa para deixar patente que o galego, como calquera outra lingua, é unha canle perfecta para facer investigación, docencia e divulgación da ciencia.

Aprender con humor

As sesións divulgativas están protagonizadas por físicos, matemáticos, biólogos, ecólogos... acompañados de actores ou humoristas que amenizan o encontro. Tras a primeira xornada celebrada en Vigo, onte foi a quenda de Pontevedra, na cafetería Posada Indiana, onde interviron Luís Sampedro, ecólogo e investigador do Centro de Investigación Forestal de Lourizán; Alberto Velando, profesor da Universidade de Vigo e o actor César Goldi. A actuación, cargada de humor e de moitos momentos de risa, contou cunha excelente participación do público, que aprendeu, dunha forma desenfadada, cuestións sobre os planetas, as bacterias, a evolución ou o equilibrio das especies... Por exemplo, a través dunha selección de caras de chimpancés por parte dos participantes, os conferenciantes demostraron que existe unha maior preferencia polos rostros simétricos, o que serviu de explicación sobre o xeito en que as especies escollen as súas parellas para reproducirse. Relacionado co anterior, tamén comentaron que dependendo do período de ovulación da muller, selecciona distintos rostros, ademais de cómicas referencias á flora intestinal do ser humano para explicar a cantidade de bacterias que habitan dentro do corpo.

O vindeiro xoves 17 de novembro as actividades do II Día da Ciencia en Galego trasládanse a Ourense, ao Café Auriense, coa participación de Eduardo Sánchez profesor da Universidade de Santiago, do astrofísico X. Dosi Veiga, e do actor Tomás Alonso, que disertarán sobre temas de astronomía.