DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O II Día da Ciencia en Galego celebrouse en Ourense cun café-teatro sobre astronomía

Un café para entender o universo con moito humor

Coa participación dos divulgadores Eduardo Sánchez e Dosi Veiga e o actor Tomás Alonso

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Rosa Tedín DUVI 18/11/2011
Comprender como se estrutura a materia e o universo non é unha tarefa fácil para aqueles que non son científicos. Require uns niveis de simplificación por parte do orador e de abstración por parte do oínte bastante elevados. Buscando fórmulas divulgativas para acadar esta combinación de factores, en 2006 comezaron os cafés-teatro científicos da man do grupo de investigación Neurocom. Unha iniciativa que este xoves chegou ao Café Auriense de Ourense para celebrar o II Día da Ciencia en Galego falando de astronomía, que non de gastronomía nin astroloxía, cos divulgadores científicos Eduardo Sánchez e X. Dosi Veiga, co actor Tomás Alonso e cun café na mesa.

A iniciativa, organizada pola Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo e a asociación de estudantes Trabalingua coa colaboración da Vicerreitoría do Campus de Ourense, tiña como lema “polo dereito a gozar da ciencia e galego” e como obxectivo achegar o coñecemento científico ao público xeral dun xeito atractivo, divertido, con rigor e neste caso facendo fincapé no uso da lingua galega nun contexto científico coma este.

Con esta filosofía de fondo e con moitas ganas de entreter a un público que acabou enchendo o Café Auriense, o astrofísico X. Dosi Veiga e o profesor da Universidade de Santiago Eduardo Sánchez estreáronse no escenario coa ardua tarefa de explicar aos asistentes cuestións como que son os buratos negros, onde estamos ubicados no universo e quen son os nosos veciños, de que esta composta a materia e como se intenta atopar os seus elementos últimos, como funciona o tempo no espazo e moitos outros conceptos que foron xurdindo en case dúas hora de sesión nas que Tomás Alonso ía poñendo as notas de humor e ironía.
Entre café e café, os asistentes intentaban, alentados por algún que outro regalo de premio, non perderse ningún detalle nesa viaxe polo universo e a materia. Unha viaxe feita en galego porque, segundo salientan os organizadores da iniciativa, “a divulgación científica non debe caer no prexuízo de que hai linguas máis axeitadas que outras para a transferencia de coñecementos cientifico-tecnolóxicos”.