DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O equipo universitario derrotou por 4-2 á SD Abetos de Gondomar

O CAFyD logra unha vitoria crucial na súa loita pola permanencia

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Deportes
DUVI 24/03/2014


Despois de que catro derrotas consecutivas somerxesen ao 7A9CAFyD (Club Deportivo Ciencias da Actividade Física e do Deporte) na zona perigosa da táboa, o equipo universitario atopouse de novo coa vitoria no seu enfrontamento deste domingo co SD Abetos de Gondomar, nun partido que se presumía crucial de cara a manterse con vida na loita pola permanencia a falta de seis xornadas para o remate da Liga Galega Sur de fútbol sala. Conscientes da necesidade de sumar os 3 puntos, os xogadores do CAFyD saíron á pista coa idea de lograr rapidamente unha vantaxe no marcador que lles permitise afrontar a contenda con tranquilidade e aos 6 minutos xa vencían por 2-0.

Desde o primeiro minuto, o CAFyD someteu ao seu rival a unha presión a toda a pista que o SD Abetos non foi capaz de contrarrestar. De feito, os primeiros instantes do encontro disputado no pavillón da Raña, en Marín, foron unha sucesión de ocasións de gol do conxunto local. Así, no minuto 3 Berto lograba o primeiro tanto do equipo universitario cun disparo raso desde a frontal da área e tres minutos despois Isaac finalizaba unha boa xogada colectiva cun forte disparo desde o borde da área que situaba o 2-0 no marcador. E xa non habería máis goles no primeiro tempo, a pesares de que o equipo universitario continuou atacando coa idea de deixar a contenda resolta antes do descanso. Mais pouco a pouco os visitantes foron asentándose sobre a pista e nos instantes finais do primeiro tempo dispuxeron das súas primeiras ocasións de gol, tras elevar a súa presión sobre a portería local.

Sen sobresaltos no segundo tempo

Tralo descanso, os xogadores do CAFyD retornaron ao terreo de xogo conscientes de que non podían repetir os erros que semanas atrás lles privaran da vitoria e coa idea de lograr canto antes un terceiro gol que lles permitise afrontar sen medos os minutos finais. Non obstante, o tempo transcorría e o 3-0 non chegaba, senón que era o equipo de Gondomar o melloraba as súas prestacións sobre a pista. Mais os intentos de acurtar distancias dos visitantes non deron os seus froitos e a 5 minutos para o remate do tempo regulamentario, unha xogada pola banda de Isaac daba ao equipo universitario o que semellaba o gol da tranquilidade. Dous minutos despois a SD Abetos logrou o seu primeiro tanto, pero o CAFyD tardou tan só un minuto en sufocar, cun gol de José Ramón, calquera intento de reacción visitante, deixando claro, a pesares de que o equipo de Gondomar volveu ver portería no minuto 39, que os 3 puntos ían quedar na casa nesta xornada.