DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O CAFyD participa por segunda vez no International Sports Meeting da illa de Tavira

O club organiza tamén unha viaxe para coñecer o funcionamento do Barça e do Real Madrid

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Deportes
Esmeralda L. Castro DUVI 22/02/2010
O Club Deportivo de Ciencias da Actividade Física e do Deporte (CAFyD) e a delegación de alumnos desta facultade organizan a súa segunda participación no International Sports Meeting da illa Tavira no Algarve portugués, que este ano celebra o seu décimo aniversario. O evento ofrece 40 modalidades deportivas e de ocio diferentes, que inclúen desde deportes náuticos e de aventuras, ata torneos de balonmán, baloncesto e fútbol, e nos que participan anualmente uns 4000 universitarios de toda Europa. Este ano celebrarase entre o 31 de marzo e o 3 de abril, coincidindo coa Semana Santa, polo que Manuel Sánchez Hermida, o presidente do CAFyD, quere animar aos estudantes a aproveitar estas datas, “nas que xa están liberados de exames”, para coñecer este encontro, que cualifica como “moi atractivo, aberto e participativo”.
“Nós coñecemos este evento desde o 2006, cando participamos por primeira vez con 55 estudantes, e quedamos moi sorprendidos polo lugar onde se realiza, nunha illa protexida como poden ser aquí Ons ou Cíes, cunha capacidade limitada para 4000 persoas”, manifesta Sánchez Hermida. “É moi atractivo porque está nun sitio espectacular e porque ofrece modalidades de auga e praia, xunto con outra gran variedade de deportes e todo tipo de actividades de ocio e tempo libre”, sinala. O presidente do CAFyD valora a diversidade do programa do International Sports Meeting e tamén a súa vocación integradora. “Hai unha boa participación española, pero asisten estudantes de toda Europa, polo que é un bo lugar para coñecer xente e acaban facéndose equipos con membros de todos os países”. Asegura que as competicións por equipos son moi abertas e participativas, só coa limitación de que cada conxunto non pode inscribirse en máis de dous deportes, e que as modalidades individuais son moi accesibles, con custes moi baixos, polo que se pode asistir a clases de surf ou windsurf por 1 € a sesión.
Manuel Sánchez Hermida considera que esta viaxe merece a pena só polo ambiente, moi axeitado para calquera estudante, e, á marxe da súa faceta deportiva, pola oportunidade de coñecer esta illa, que asegura que ten unha gran calidade e interese paisaxístico, e tamén o pobo de Tavira, cun gran valor monumental, e para o que hai facilidades para cruzar cun servizo de ferry frecuente desde a illa.
O CAFyD encárgase de todas as xestións pertinentes para a inscrición e de organizar o transporte en autobús ata Tavira. Tendo en conta que a inscrición dá acceso a acampada e comida gratuítas, o custe total da viaxe para cada participante non excedería os 100 € polos seus catro días de duración. Ademais, Sánchez Hermida indicou que solicitaron a posibilidade de dispor dun autobús da Universidade para que o transporte fose tamén gratuíto para os estudantes.

Achegamento ao Barça e ao Real Madrid

As actividades do club previstas para o comezo da primavera e organizadas conxuntamente coa delegación de alumnos de Ciencias da Educación e do Deporte inclúen o Tour CAFyD 2010, que ten como obxectivo coñecer as instalacións e o funcionamento do FC Barcelona, así como a Cidade do Fútbol e a Cidade Deportiva do Real Madrid. A idea naceu, segundo Manuel Sánchez Hermida, a raíz da conferencia de Ramón Pujol, o director de protocolo do Barça, nas III Xornadas da Comunicación e do Deporte. “Naquela charla ofreceuse para organizar unha visita se algún colectivo estaba interesado e deixounos o seu contacto, polo que decidimos aproveitar a oportunidade”, afirmou Sánchez Hermida. Agora o obxectivo non é facer a visita típica ao Camp Nou, senón coñecer a fondo as instalacións e asistir a unha charla informativa sobre o funcionamento do club. “Queremos ver como se forman os rapaces, como é o traballo de adestramento na Masía ou como tería que facer un neno galego para entrar na canteira”, explica o presidente do CAFyD.
Tras ese punto de partida decidiron incluír na mesma viaxe a visita ás instalacións do Real Madrid e, finalmente, escolleron as datas porque coincidían co encontro da Liga Nacional de Fútbol Sala (LNFS) entre o Inter Movistar e El Pozo de Murcia, os dous mellores equipos da clasificación, que se desputará o sábado 21 de marzo e para o que lle regalarán entradas aos asistentes. “Pola nosa principal dedicación no club temos bastante relación coa LNFS e podemos conseguir entradas para o que é o mellor partido de fútbol sala do mundo”, asegura Sánchez Hermida.
A viaxe completa terá unha duración de tres días, realizarase en autobús e a saída cara a Barcelona está prevista para o xoves 18 de marzo. O custe é de 100 €, 94 € para os socios, e o prazo de inscrición prolongarase ata o 10 de marzo. A participación nesta viaxe está aberta a todo o público, alén da comunidade universitaria.
Pode consultarse toda a información ao respecto das dúas convocatorias na web do CAFyD.