DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ten periodicidade mensual e pode descargarse de Internet

O CAFyD Pontevedra celebra o seu sexto aniversario coa publicación dunha revista

O obxectivo é promover as actividades organizadas polo club e a Facultade de CC da Educación e do De

Etiquetas
  • Pontevedra
E.L. Castro DUVI 24/11/2009

O Club Deportivo Ciencias da Actividade Física e Deporte (CAFyD) vén de cumprir seis anos e para celebralo presentou esta semana a revista dixital CyDe, Ciencias y Deporte, que se pode descargar na súa páxina web en formato pdf. CyDe é un proxecto conxunto do CAFyD e a Delegación de Alumnos da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, que ten como obxectivo informar mensualmente de toda a actividade que xere esta facultade, principalmente daquela que parta das dúas entidades promotoras da publicación.

Consolidación do club deportivo na comunidade universitaria

“É un revista moi sinxela e cun carácter puramente informativo”, sinala o presidente do club, Manuel Sánchez Hermida. Neste primeiro número lembra a presentación das actividades da tempada 2009-10 realizada por Jorge Troncoso, directivo do club, a principios de curso; presenta aos equipos federados do club e fai unha relación dos resultados acadados no que vai de liga, así como das próximas convocatorias; recolle a participación da sección de atletismo na Carreira Popular de San Martiño de Ourense; inclúe imaxes da roupa oficial do club; e alude á integración do CAFyD na Mesa pola bicicleta.
Esta nova iniciativa encádrase na liña de colaboración que o CAFyD abriu coa Delegación de Alumnos para consolidarse dentro da comunidade universitaria e, como indica Sánchez Hermida, “promover todas esas citas deportivas, en principio, entre o estudantado da facultade e, co tempo, en todo o campus de Pontevedra”. Á marxe das organizadas por estas dúas entidades, a revista pretende facerse eco de todo tipo de convocatorias (cursos, subvencións, ofertas de traballo, seminarios, competicións...) relacionadas co deporte dentro do campus. Para isto distribuirán a revista cun mailing masivo aos socios do CAFyD e ao alumnado da facultade, ao tempo que a poñerán a disposición de todos na súa web oficial. A idea é ir gañando subscritores en todo o campus para facerlle chegar a publicación vía correo electrónico.
Pódese ver un pequeno vídeo sobre a presentación da revista na canle de Youtube do CAFyD, no que foi un intento por conxugar novas tecnoloxías e deporte, difundindoa a través do Skype.

Unha oportunidade para a formación en xestión deportiva

Neste sexto aniversario do CAFyD, o seu actual presidente, Manuel Sánchez, lembra como botou a andar pola inquedanza compartida entre varios licenciados da segunda promoción de Ciencias da Actividade Física e do Deporte, entre os que se atopaba el, e grazas ao apoio do profesor Luis Cascais, quen foi o primeiro presidente. “Os que estabamos interesados na competición deportiva de alto rendemento buscabamos unha oportunidade para formarnos tamén na xestión, o que cubrimos coa fundación do club.
Chegar á situación actual do CAFyD foi un “camiño complicado” para Sánchez Hermida, que sinala entre os logros acadados neste percorrido o salto na actual temporada ao gupo A da Liga Provincial do equipo federado de fútbol sala e a creación da sección de atletismo, que xa ten cinco representantes inscritos para a XIV Media Maratón da Cidade de Pontevedra, que terá lugar o vindeiro domingo día 29. Citou tamén a capacidade de autoxesción que acadou o club, “capaz de xerar recursos propios para seguir medrando, á marxe da achega de todos as entidades colaboradoras e patrocinadoras”.
Así mesmo, o presidente quixo lembrar o traballo desenvolvido polo club nas escolas deportivas do campus e no programa do concello Noites Abertas, no que participa por quinta vez consecutiva con diferentes actividades de fútbol sala, fútbol 7, bailes de salón, hip hop ou patinaxe.
O reto máis inmediato do CAFyD é incorporar a categoría infantil de cara á próxima tempada. Cun carácter máis xeral, buscan unha integración cada vez maior de todo o alumnado, abertos á colaboración en calquera actividade cultural e deportiva que poida ser do seu interese e animándoos a involucrarse na actividade do club e a presentar as súas propias iniciativas.

Seis anos de traxectoria

O CAFyD Pontevedra fundouse o 22 de novembro de 2003 e dende aquela mantén unha aposta, non só pola competición, senón tamén pola formación e a xestión. Desde os comezos organiza anualmente a Trimaratón CAFYD, mantén equipos nas ligas universitarias e organiza cursos de diferentes disciplinas deportivas e de preparación física, así como seminarios e encontros, entre outras actividades. Dende a tempada 2006-07 ten un equipo de fútbol sala federado na Liga Local de Pontevedra, que este ano deu o salto á Liga Provincial, mantendo un equipo filial na local. Co obxectivo de seguir promocionando o seu primeiro deporte federado organizou na tempada 2008-09 o I Torneo de Fútbol Sala. Así meso, tralo éxito de participación da Universidade de Vigo no Sports Meeting de Tavira en 2007, o CAFyD volveu artellar unha expedición para participar neste recoñecido evento portugués, ao que se achegan anualmente máis de 4.000 deportistas universitarios europeos. E dende 2009 está activa a páxina web do club, que inclúe tamén unha tenda oficial e un canal de Youtube cos vídeos de todas as súas actividades.