DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As actividades comezan esta fin de semana

O CAFyD propón fútbol sala, fútbol 7 e baloncesto como alternativa á marcha nocturna

O club deportivo da Facultade de CC da Educación e do Deporte participa por quinto ano no programa N

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Deportes
Esmeralda L. Castro DUVI 03/02/2010

Que facer un sábado pola noite en vez de saír de copas? O Club Deportivo Ciencias da Actividade Física e do Deporte (CAFyD) propón practicar deporte. Participa por quinto ano consecutivo no proxecto Noites Abertas, o programa municipal de lecer alternativo que volve de novo esta fin de semana e que ofrece actividades variadas para mozos e mozas de entre 12 e 30 anos. Desta volta, o CAFyD organiza partidos de fútbol 7, fútbol sala e baloncesto no pavillón multiusos e no campo de herba sintética da Xunqueira. “Este programa ten unha intención clara, a prevención do alcoholismo entre a mocidade con formas de diversión alternativa”, sinala Manuel Sánchez Hermida, presidente do CAFyD. “Como club deportivo universitario esta problemática tócanos de preto, polo que concordamos plenamente coa filosofía do programa”, engade.
Sánchez Hermida destaca que as actividades do CAFyD son as que atraen un maior número de persoas. “Posto que ofertamos o deporte máis popular, o fútbol, as nosas están entre as actividades máis demandadas”, asegura, polo que o ano pasado acadaron unha media de 150 asistentes nos partidos de fútbol 7 e de 90 nos de fútbol sala. Aclara, ademais, que os partidos non están organizados como competicións cun só gañador, senón que, seguindo a filosofía do programa, teñen un carácter pedagóxico e integrador, incorporando á xente nos equipos segundo se vai inscribindo.
O presidente do club deportivo valora moi positivamente a consolidación da súa participación en Noites Abertas, pois considera que é unha boa plataforma para darse a coñecer e, ao mesmo tempo, establecer contactos con asociacións e persoas que logo poden dar pé a colaboracións. Nesa liña de aproveitamento de sinerxías salienta que algúns dos actuais xogadores do equipo filial do CAFyD saíron destas actividades. Este ano decidiron substituír as clases de patinaxe da anterior edición, que tiveron unha participación baixa, por partidos de baloncesto, tamén en previsión de inaugurar unha sección nova deste deporte no club de cara ao vindeiro curso. “As Noites Abertas supoñen unha boa maneira de captar novos socios”, sinala Sánchez Hermida, ao que engade o bo momento que está vivindo o CAFyD, con 40 novos socios no primeiro cuadrimestre. “O club está comezando a popularizarse agora entre o alumnado de Ciencias da Educación e do Deporte e tamén fóra, o que é froito do traballo de seis anos”, salienta ao respecto.

Actividades deportivas, culturais e formativas

O Concello presentou onte o programa completo de actividades previstas para as Noites Abertas ata o mes de maio, que trae como novidade a incorporación de dous novos espazos, o Local de Ensaio e a senda do Lérez. Suman en total 50 propostas diferentes de ocio nocturno que abranguen os eidos físico-deportivo, cultural, formativo, lúdico e de desenvolvemento persoal. Nese abano pódese escoller entre esgrima, judo ou break-dance, obradoiros de percusión, maquillaxe, coiro, feltro ou bisutería, roteiros polo Lérez e o Gafos, cursos de cociña, costura, ioga, masaxe, fotografía, vídeo e radio dixital ou mesmo globoflexia e risoterapia. Todas estas actividades son gratuítas e para inscribirse hai que chamar ao 986 840 367 (en horario de 9.00 a 15.00 horas) ou escribir ao enderezo de correo electrónico xuventude@concellodepontevedra.es.
Ademais do CAFyD, nesta edición participan o Cine Club Pontevedra, a Asociación Vaipolorío, a Asociación Amencer, o Comité CCANVIHAR, a Asociación de Percusionistas OMAR, a Asociación Sociocultural INZAR e a Escola Hungaresa de Esgrima de Pontevedra. A iniciativa conta co apoio do Plan Nacional sobre Drogas do Ministerio de Sanidade e Política Social.