DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O equipo universitario perdeu 5-6 co Garciaraujo.com das Neves

O CAFyD sufre unha nova derrota e complícase o treito final da tempada

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Deportes
DUVI 10/03/2014

Na parte baixa da clasificación da Liga Galega Sur de fútbol sala afúndese o 7A9CAFyD (Club Deportivo Ciencias da Actividade Física e do Deporte) trala súa derrota este domingo diante do Garciaaraujo.com. Despois dun inicio de partido esperanzador, o equipo universitario viu como o equipo das Neves lle daba a volta ao partido no segundo tempo para acabar levándose a vitoria do pavillón da Raña, en Marín, cun gol a falta de 2 minutos, froito dun erro defensivo do conxunto local. Con dous partidos aprazados pendentes de disputar, o CAFyD sitúase tras este tropezo no antepenúltimo posto da clasificación.

A remontada visitante no segundo tempo contrastou neste partido correspondente á vixésimo segunda xornada de liga co bo inicio do equipo universitario, que aos 11 segundos xa se atopaba por diante no marcador, grazas ao tanto anotado por Isaac tralo saque de centro inicial. Nos seguintes minutos, o CAFyD disporía de diferentes oportunidades para ampliar a súa vantaxe. Mais os integrantes do equipo universitario non foron quen de ratificar no marcador o seu bo inicio, mentres que o Garciaraujo.com si aproveitou unha das súas poucas aproximacións á portería neses primeiros compases e empatou o partido no minuto 8.

Ese mesmo guión repetiríase no resto do primeiro período. No minuto 12, Iván adiantou de novo ao equipo local tras unha boa xogada colectiva, pero acto seguido, os visitantes aproveitaron un erro defensivo tras un saque de banda para devolver a igualdade ao marcador. Non obstante, un gol de Abel a 23 segundos para chegar ao ecuador da contenda permitiu ao CAFyD marchar con vantaxe ao descanso.

Ocasións desaproveitadas

Tralo seu paso polos vestiarios, o equipo universitario mantivo o bo nivel de xogo que amosara na primeira parte e no minuto 23 o un gol de Berto situaba un esperanzador 4-2 no marcador. Mais pouco durou a ledicia no bando local, posto que apenas un minuto despois, o Garciaraujo.com aproveitou outro erro defensivo para acurtar distancias. Esta sucesión de goles non variou un ápice o guión do encontro, que o CAFyD seguiu dominando, mais sen aproveitar as súas ocasións de gol. Cousa que si fixeron os visitantes, que no minuto 30 aproveitaron un erro na transición do equipo local para empatar o partido e no 35 se situaron por primeira vez por diante no marcador.

O conxunto universitario tratou entón de reporse e sacou ao campo a un porteiro xogador co obxectivo de devolver a igualdade ao marcador, cousa que logrou acto seguido, grazas a un gol de Iván. Mais co partido empatado, o CAFyD viu como un erro defensivo era aproveitado de novo polo conxunto das Neves, que a falta de 2 minutos para o remate certificaba a súa vitoria no campo da Raña.