DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O director executivo territorial da entidade e o reitor subscribiron hoxe un convenio

La Caixa colaborará coa Universidade no desenvolvemento de proxectos de mellora da docencia e investigación

Contémplase tamén a posibilidade de que o alumnado realice prácticas formativas

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría DUVI 08/06/2012
Posta en marcha de proxectos encamiñados a reforzar a calidade da docencia e da investigación, a facilitar o acceso a programas de formación continuada, a reforzar a súa proxección internacional e, en xeral, a elevar a oferta e o nivel de servizos culturais, deportivos e académicos de calquera tipo prestados á comunidade universitaria. Estas son algunhas das accións nas que La Caixa colaborará coa Universidade de Vigo segundo se recolle no convenio subscrito hoxe entre o director executivo territorial da entidade, Juan José Muguruza, e o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato.

O acordo contempla igualmente a disposición de La Caixa para traballar en común coa institución académica viguesa no estudo, deseño e desenvolvemento de proxectos singulares de contido docente ou de apoio á actividade académica a proposta da Universidade, cuxos alumnos de derradeiro curso que cumpran cos requisitos esixidos poderán ter a posibilidade de formar parte dos procesos de selección para a realización dun período de prácticas formativas. “Con esta sinatura”, asegura Juan José Muguruza, director executivo territorial de La Caixa, “ábrese unha liña de traballo coa Universidade de Vigo que a través dun convenio marco nos permite falar de moitos proxectos a concretar no futuro”. No mesmo sentido o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, tamén puxo de manifesto a importancia de que a institución académica e a entidade financeira “poidan desenvolver proxectos de futuro en común”.

Cunha traxectoria da que tanto a investigación como a mocidade forman parte a través de diferentes liñas de traballo, La Caixa, segundo lembrou Muguruza, mantén colaboracións coas universidades de Deusto, Navarra, Zaragoza e Cantabria, ademais das catalás das que destacou os recentes éxitos acadados na investigación da SIDA. No caso da de Zaragora, o director executivo territorial de La Caixa destacou as achegas da entidade á cátedra de empresa familiar “moi importante para fomentar a formación nun sector determinante na economía do país”.