DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Estimula funcións cognitivas nas persoas maiors a través de movementos corporais

Caixa Galicia implementará nos seus centros o programa "Memoria en movemento", creado polo grupo DE4 da Universidade

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Camino Carballeira DUVI 12/06/2009

A posibilidade de que a investigación mellore a calidade de vida dos membros da sociedade é un dos maiores principios inspiradores da Universidade. É o seu motor pero poucas veces é tan fácil rastrexar ese camiño, que empeza no investigador e remata no cidadán común, como co programa de estimulación cognitiva Memoria en movemento desenvolvido polo grupo de investigación DE4 da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte que dirixe Ana Rey Cao.
Hai dous anos pilotou o proxecto cun colectivo de sesenta e seis persoas, grazas á financiación da Obra Social Caixa Galicia, para previr a dependencia das persoas maiores a través da estimulación cognitiva (memoria, atención, percepción corporal…) coa particularidade de facelo a través de movementos corporais. Este "dous por un" remata agora a súa fase experimental e, logo de corroborar os seus efectos beneficiosos, implantarase de forma definitiva na rede de centros para maiores de Caixa Galicia. A partir do verán o grupo “vai formar á xente da Obra Social para que o implemente nos seus centros”, anuncia Ana Rey. Semella que, ás veces, non hai tantos pasos entre a curiosidade e o compromiso que impulsa a investigación e unha mellora significativa e palpable na vida das persoas.
Ademais grazas ás novas tecnoloxías, o campo de acción dunha iniciativa deste tipo amplíase. Segundo explica Rey, “o programa é moi coñecido noutros países porque os manuais colgáronse na rede e xa van máis de 1000 descargas”.
Son os froitos deste grupo, integrado por catro profesores da Universidade e tres estudantes de doutoramento, que ademais tamén se encarga da realización de “cursos de relaxación e antiestrés beneficiosas para a atención, a concentración e a potenciación do traballo en grupo” para empresas alleas á Universidade.

Actividade física e estereotipos

A investigación no campo da estimulación cognitiva non é, sen embargo, a única vía pola que transita o grupo. A intención pedagóxica en base á investigación social está na base doutra delas. E é que o grupo vén traballando nos últimos tempos no descubrimento de estereotipos relacionados coa práctica da actividade física que presentan as imaxes. Primeiro, o obxecto de estudo foron as revistas publicitarias do eido deportivo que presentaban “á muller como obxecto de seducción e o home como suxeito de acción”. Agora, os materiais curriculares de Educación Física na ESO son o tema dunha tese de doutoramento elaborada ao seu abeiro. “O problema das imaxes”, apunta Rey, “é que a fotografía percibímola como realidade e por iso son tan perigosas no currículo oculto. Os rapaces cando ven unha fotografía lexitímana como realidade e así as imaxes van calando”. A cuestión está máis de actualidade que nunca pola Lei de Violencia de Xénero que explicitamente indica que os materiais curriculares teñen que ser tratados con especial atención para evitar que se produzan lexitimacións de estereotipos.

Onde estamos e para que?

Os aspectos epistemolóxicos e ontolóxicos da motricidade humana tamén forman parte das preocupacións do grupo que, noutra liña de investigación, reflexionan sobre a súa propia condición. E é que ás veces convén parar o mundo e preguntarse “cal é o sentido da nosa investigación?, cal é o noso campo de traballo?”. Ana Rey considera que “o campo científico das Ciencias da Actividade Física e do Deporte é un gran descoñecido, a sociedade ten un estereotipo moi marcado da nosa función” e por iso cre necesario a constitución “dun corpus científico que nos lexitime como dignos de estar nunha formación universitaria”.