DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Só o Centro Universitario da Defensa de Marín terá un calendario diferente

Calendario escolar único para o vindeiro curso nos centros da Universidade de Vigo

O Consello de Goberno tamén aprobou o límite de prazas e a programación docente anual

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría DUVI 16/04/2010

Tras varios anos de duplicidade, a partir do vindeiro curso 2010-2011 un único calendario escolar volverá rexer na Universidade de Vigo para os estudos de grao e posgrao, así como para as titulacións a extinguir. Só o Centro Universitario da Defensa Escola Naval Militar de Marín, disporá dun calendario diferente para o Grao en Enxeñaría Mecánica que se impartirá nese centro no que se establecen 45 semanas de curso académico, entre o 1 de setembro do 2010 e o 16 de xullo de 2011, con 35 semanas de docencia académica, universitaria e militar e 6 semanas de adestramento.
No caso das restantes titulacións que se imparten na Universidade de Vigo o calendario académico comprenderá do 1 de setembro de 2010 ao 30 de xullo de 2011, organizado en dous períodos, un entre o 13 de setembro de 2010 e o 27 de xaneiro de 2011 e un segundo que vai do 31 de xaneiro ao 3 de xuño de 2011. En canto aos períodos para a realización de probas de avaliación estes quedan establecidos entre o 12 de xaneiro e o 27 de xaneiro e o 19 de maio e o 3 de xuño. A convocatoria de xullo desenvolverase entre o 1 e o 16 de xullo, mentres que as datas fixadas para a realización de exames fin de carreira será entre o 29 de novembro e o 4 de decembro de 2010. O calendario que foi rexeitado polos representantes do alumnado no Consello de Goberno por presentar modificacións respecto do modelo que se lles fora entregado previamente, “segue”, segundo comentou a secretaria xeral, Esther González “a liña de adiantar o inicio do curso e está consensuado coas universidades de Santiago e A Coruña”.

Fixado o límite de prazas para todos os graos

O Consello de Goberno deu luz verde na sesión de hoxe ao límite de prazas na cincuentena de graos que o vindeiro curso se impartirán nos tres campus. En canto ás titulacións de nova incorporación destacar que no campus de Ourense os novos graos terán os seguintes límites Ciencias Ambientais 40; Enxeñaría Agraria 30 e Consultoría e Xestión da Información, 40. No campus de Pontevedra o grao en Enxeñaría Forestal terá un límite de prazas de 50. Xa no campus de Vigo os límites nos graos de nova implantación son os seguintes: Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación 150; Enxeñaría da Enerxía 40; Enxeñaría dos Recursos Mineiros e Obras Subterraneas 40; Enxeñaría Eléctrica 75; Enxeñaría Electrónica Industrial e Automática 120; Enxeñaría en Organización Industrial 80; Enxeñaría en Química Industrial 80; Enxeñaría en Tecnoloxías Industriais 200; Enxeñaría Mecánica 180 e Comercio 120.
En canto aos centros adscritos os graos en Enfermaría que se impartirán nos campus de Pontevedra e Ourense terán un límite de prazas de 50; no centro universitario adscrito da Defensa o Grao en Enxeñaría Mecánica terá un límite de 100 prazas, mentres que o Grao en Administración e Dirección de Empresas da Escola de Negocios de Caixanova ten un límite de 60 prazas.

Límite de prazas do curso 2010/2011 (1,08 Mb)

Máis de 4000 materias e 200.000 horas presenciais do profesorado

Por asentimento aprobouse a Programación docente anual (PAD) para o vindeiro curso que segundo confirmou o vicerreitor de Profesorado, Antonio García Pino, contempla “4300 materias e 239.000 horas presenciais dos docentes, unha cifra case igual á rexistrada no pasado curso”.
A sesión do Consello do Goberno aprobou catro prazas dos corpos docentes a prover mediante concursos de acceso entre acreditados. Unha delas, unha praza de profesor titular na Área de Economía Aplicada acadada polo investigador Gonzalo Caballero xerou un debate en relación coa necesidade de establecer unha normativa que regule a adscrición de prazas docentes ao non manterse no caso de Caballero a adscrición no campus no que se promociona. O Consello de Goberno aprobar as prazas e solicitar un informe xurídico para discernir, como explicou o reitor Alberto Gago “ se adoptar a decisión de adscribir unha praza, fóra de POD, no momento do concurso condiciona ou non con posterioridade a asignación docente que resolva o departamento”. A partir de aí, sobre o perfil, o tribunal e o centro de asignación resolvería a COAP , cuxas conclusións serían debatidas no vindeiro Consello de Goberno.

Novas denominacións, agrupamentos e participación no centro Economics for Energy

O Consello de Goberno tamén aprobou hoxe a proposta de creación dun centro único para impartir a docencia do ámbito da enxeñaría industrial, resultante da fusión das escolas técnica superior de Enxeñeiros Industriais e de Enxeñaría Técnica Industrial. Pola súa banda a secretaria xeral deu conta do cambio de denominación das escolas de Telecomunicación e Fisioterapia que pasarán a chamarse Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e Facultade de Fisioterapia, respectivamente.
Na sesión de hoxe tamén se aprobou a participación da Universidade de Vigo no Centro EconomicsForEnergy, un centro privado que quere constituírse como referente español na creación de coñecemento e opinión no ámbito da economía da enerxía. Promovido polos grupos de investigación Rede da Universidade de Vigo e ICAI da Universidade Pontificia de Comillas, EfE dedicarase ao estudo e difusión de temas de interese preferente para empresas, administracións públicas e sociedade en xeral. As actividades prioritarias serán a realización de informes sobre as liñas de traballo prioritarias do centro e a organización de eventos relacionados con estas.

Axudas para a investigación e prazas e bolsas de aloxamento

A aprobación da convocatoria de axudas á investigación foi outro dos puntos da orde do día do Consello de Goberno. O procedemento de concesión será o de concorrencia competitiva para estas axudas cuxa dotación económica segundo confirmou a vicerreitora de Titulacións e Converxencia Europea, Carmen García Mateo, “descende un 16% respecto ao ano pasado por mor da situación de crise económica, unha rebaixa que sen embargo non afecta nin á formación de investigadores, nin ás bolsas de Terceiro Ciclo que incrementan a súa contía”.
Pola súa banda a vicerreitora de Extensión Cultura e Estudantes, Mª del Carmen Cabeza, deu conta das novidades en relación coas prazas e bolsas de aloxamento para o vindeiro curso. Cabeza destacou que o incremento dos prezos das residencias do campus de Vigo e Ourense ven determinado pola proposta da empresa concesionaria e que se deriva do incremento do IPC e do aumento do IVE anunciado polo Goberno. En total o vindeiro curso ofertaranse 218 prazas en Vigo, 70 en Pontevedra, 197 en Ourense e 20 en Allariz. En canto ás bolsas serán 53 cun importe de 115 euros ao mes e 62 por un importe de 60 euros ao mes.