DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Luis Núñez Ladevéze, docente emérito da San Pablo CEU:

“A calidade do seu profesorado fala francamente ben do nivel da Universidade de Vigo”

O catedrático de Ciencias da Información impartiu un seminario no Máster en Investigación en Comunic

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Bea Feijoo DUVI 01/02/2011

70 anos e máis da metade da vida dedicada á investigación universitaria. Esta é unha forma breve de resumir o extenso currículo de Luis Núñez Ladevéze, catedrático de Ciencias da Información pola Universidad Complutense de Madrid, recentemente xubilado pero que continúa vinculado á vida universitaria como profesor emérito da Universidad San Pablo CEU e como docente en cursos de posgrao e mestrado, motivo polo que visitou o campus de Pontevedra para impartir o seminario La investigación de los Medios de Comunicación Social no Máster en Investigación en Comunicación. O seu coñecemento do Sistema Universitario de Galicia permítelle afirmar que a Universidade de Vigo “ocupa un posto moi destacado con respecto a outras semellantes”.

A pesar de que a Universidade de Vigo é unha institución nova en comparación con outras do panorama español, Luis Núñez Ladevéze, tras percorrer as aulas de moitas delas, opina que ten “moito nivel, é competitiva e destaca sobre todo grazas a que hai un bo profesorado e ben seleccionado”. Como membro do Sistema de Acreditación Gallego de Profesorado, engade que viu moitos currículos de docentes universitarios en Galicia extraendo a conclusión de que “se atopan todos moi ben orientados” e isto "fala francamente ben da Universidade”. En relación aos mestrados subliña a súa capacidade de selección de alumnado o que demostra que “existe unha demanda o que en si mesmo é moi interesante e significativo”. Desde a súa experiencia no campus de Pontevedra falou dun alumnado “moi concienciado, que sabe o que quere e moi orientados”, puntualiza o profesor.

Os seus seis sexenios de investigación, cantidade máxima de anos que se poden dedicar á investigación, avalan a súa carreira docente unido isto ao feito de que, nestes momentos, non hai máis de dez persoas na universidade española con estes 36 anos de investigación. O profesor emérito réstalle importancia a este feito, porque “simplemente se conseguen con anos de vida e dedicación”. Actualmente dedica o seu tempo a labores que deixou nun segundo termo pola súa vocación académica, como a literatura e a crítica teatral aínda que xa escribira unha novela, El ímpetu del viento, unha ficción histórica sobre a Atlántida na época do descubrimento dos océanos. “Síntome bastante satisfeito de ter publicado unha novela que se esgotou nas súas dúas edicións, quizais poida reeditarse”, planea Ladevéze.

Búsqueda de financiamento privado

Preguntado polos recortes de financiamento para a investigación, recoñece que “é un problema máis desta crise económica, consecuencia de non ter conciencia de que os recursos son limitados e que en xeral os orzamentos públicos son axentes de gasto non de produción”. O consello que achega desde a súa experiencia é o de “seguirse esforzando abríndose novos camiños” como as posibilidades de colaboración coa empresa privada. “Traballar, traballar e traballar permitiranos estar á vangarda da investigación nunha situación de privilexio con respecto ás institucións privadas o que actuará no noso beneficio para cando precisen das nosas achegas”, conclúe Luis Núñez. Con respecto á fuga de cerebros apunta que non é máis “que un resultado da política económica” pero amósase esperanzado e positivo xa que “o que soe ocorrer, como xa pasou nos anos 60, é que os cerebros fugados volvan, e ese retorno pode ser tan importante, tan eficaz e tan creativo como mala foi a súa marcha nun momento dado”.

O fenómeno de internet, imposible de prever

Como experto nos medios de comunicación social, Luis Núñez Ladevéze admite que se sinte superado pola nova realidade social que supón o emprego de internet xa que “non son quen de prever as súas consecuencias”. Trátase dun campo que non soamente está por explorar senón por desenvolver o que fai evidente que sexa un mundo imprecidible. Vaticina un cambio "tremendo" que vai modificar totalmente o sistema de comunicación social, pois “é como a aparición imprenta, pero mentres que esta modificou as relacións sociais lentamente, internet é dunha expansión case simultánea”, compara Ladevéze. Nun mundo no que considera que non está totalmente inadaptado, o experto conclúe que estas novas redes sociais “son o camiño do futuro aínda que moita xente poña resistencia xa que súa utilidade é tan superior que non hai nada que facer, isto xa está sentenciado”.