DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O profesor da Facultade de Belas Artes Javier Tudela recollerá o premio este sábado

Cambados galardoa ao Departamento de Escultura da Universidade co Ramón Cabanillas

O Concello agradece deste xeito a colaboración entre ambos entes á hora de promover a arte contempor

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Iolanda Fernández DUVI 08/11/2013

Na súa última Xunta de Goberno, o Concello de Cambados acordou premiar ao Departamento de Escultura da Universidade de Vigo co Premio Ramón Cabanillas, un galardón que recibirá o profesor da Facultade de Belas Artes Javier Tudela este sábado 9 de novembro na casa consistorial da localidade natal do poeta, xusto o mesmo día no que finou o que foi un dos integrantes máis coñecidos das Irmandades da Fala. Para Tudela, este premio recoñece o labor realizado por ambas as dúas institucións ao longo dos últimos catro anos co obxecto de achegar a arte contemporánea aos veciños e veciñas da localidade a través de catro exposicións.

O Pazo de Torrado foi o espazo elixido para acoller esta serie de mostras nas que participaron tanto alumnos e alumnas do Grao en Belas Artes coma persoal investigador e incluso, en determinadas ocasións, o propio profesorado do centro, explicou Javier Tudela. “A idea deste proxecto era e segue a ser a de amosarlle á sociedade que a facultade é un centro de produción e creación artística”, subliñou. Pola súa banda, dende o Concello de Cambados aseguran que este premio, un busto do poeta Ramón Cabanillas, pretende pór en valor o labor realizado polo Departamento de Escultura da Universidade, a súa traxectoria e tamén a súa aposta polo concello.

Logo da entrega do correspondente premio, o alcalde do Concello de Cambados, Luís Aragunde, o profesor de Belas Artes, Javier Tudela, e o resto de autoridades presentes desprazaranse ata o Paseo da Calzada onde realizarán unha ofrenda floral ante a estatua realizada por Asorey do poeta cambadés. O concerto da orquestra Lira no Auditorio Municipal da Xuventude a ultima hora do día porá a punto e final a unha xornada na que se conmemora a vida e obra de Ramón Cabanillas.