DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus acolleu este venres a presentación do proxecto de Implicadas no Desenvolvemento

'Cambia de papel' para fomentar a igualdade

Coa proxección do seu documental arrancaron os actos co gallo do 25 de novembro

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Rosa Tedín DUVI 11/10/2013

Este venres arrancou no campus de Ourense a programación posta en marcha co gallo da conmemoración do 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia de Xénero. E fíxoo coa presentación do proxecto Cambia de papel e da súa longametraxe documental, unha iniciativa da organización galega de cooperación Implicadas no Desenvolvemento. Na obra, o actor galego Luis Tosar viaxa á India para dar voz e un grupo de mulleres e ás súas historias marcadas pola discriminación de xénero ata que un día “lle falaron da igualdade”, como comenta algunha das protagonistas do audiovisual.

A presentación do proxecto contou coa participación de María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense; María Concepción Novoa, presidenta da Asociación de Mulleres Empresarias de Ourense, entidade que colaborou no acto; e María Reimóndez, presidenta de Implicadas no Desenvolvemento. “Comezamos a programación deste cuadrimestre contra a violencia de xénero e facémolo vendo un documental que nos axuda a reflexionar sobre o que verdadeiramente significa a discriminación da muller”, apuntou María Lameiras durante o actividade celebrada no Edificio de Ferro. A obra e o proxecto no que se engloba, explicou Reimóndez, é froito da filosofía de traballo de Implicadas no Desenvolvemento, “que xa leva 15 anos traballando por unha maneira de cooperación afastada do que estamos acostumados, cun enfoque feminista e desde a nosa cultura”.

A desigualdade en primeira persoa

A longametraxe Cambia de papel, explican as súas promotoras, busca trasladar aos espectadores á pel desas outras mulleres que viviron ou aínda viven na desigualdade profunda, buscando provocar unha reflexión que leve ao cambio. Para conseguilo recolle o testemuño en primeira persoa de Tosar, que viaxa ata Támil Nadu, na India, para facer un obradoiro de teatro “con mulleres poderosas que intentan cada día cambiar unha realidade inxusta”, e de diferentes mulleres, como Saritha, Vanitha e Premalatha, que nalgún momento da súa vida padeceron as duras consecuencias da discriminación de xénero nese país. Dirixido por Reimóndez, por Tosar e pola cineasta támil Kutti Revathi, o audiovual recolle os efectos positivos nesta comunidade do traballo de Implicadas polo Desenvolvemento e doutras organización de cooperación en eidos como a erradicación do infanticidio feminino, o control da natalidade, a sexualidade e outros aspectos en prol da igualdade de sexos.

Para transmitir a importancia deste traballo o acto contou tamén coa participación de N. Manimekalai, doutora en Económicas e directora do Centro de Estudos das Mulleres da Universidade india de Bharathidasan desde 2004. Cunha dilata traxectoria no eido investigador, esta experta colabora como asesora de xénero dos proxectos de cooperación ao desenvolvemento que Implicadas apoia na India. Unha experiencia que a converte nunha das protagonista do documental e dos actos de presentación que del se están celebrando en Galicia. Ela, ao igual que as demais mulleres que interveñen no audiovisual, intenta transmitir unha realidade desigual pero que se pode mudar a través da acción e de accións tan sinxelas como informar.