DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os profesores Bonorino e Añel abordan de xeito interdisciplinar as consecuencias deste fenómeno

Contra o cambio climático, ciencia e dereitos humanos

Os investigadores ourensáns salientan a importancia de comezar a definir responsabilidades xurídicas

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
Rosa Tedín DUVI 19/11/2013

Pablo Raúl Bonorino é profesor de Filosofía do Dereito no campus de Ourense. Juan Antonio Añel é investigador do grupo EPhysLab da Facultade de Ciencias do mesmo campus e da Universidade de Oxford e especialista en cambio climático. E xuntos veñen de pór en marcha unha nova liña de investigación na que abordan de xeito interdisciplinar a relación entre os dereitos humanos e o cambio climático antropoxénico, é dicir, o debido á acción do home. Alén das boas palabras, salientan, é importante avanzar neste eido porque o marco legal internacional sobre dereitos humanos pode ser a vía de acceso aos cambios normativos necesarios para adaptar as institucións legais ao desafío que impón xa o cambio climático. O último número da revista da Investigación. Cultura, ciencia e tecnoloxía da Universidade de Vigo recolle nun artigo as súas primeiras achegas a esta área de estudo.

“Establecer os alcances e as consecuencias do cambio climático antropoxénico é unha cuestión científica de primeira magnitude á que deben enfrontarse físicos, economistas e sociólogos, entre outros profesionais. Pero a pregunta de como debemos enfrontarnos ao cambio climático é unha pregunta valorativa e, como tal, obxecto da ética filosófica”, explica Pablo Raúl Bonorino para situar a relación existente entre ciencia e dereitos humanos neste eido. Para afondar nesta temática, comenta Juan Antonio Añel, a liña de investigación aberta recentemente entre os dous investigadores parte dunha tripla perspectiva na que se relaciona o cambio climático coa filosofía do dereito, cos dereitos humanos e coa cuestión de xénero, co obxectivo último de contribuír a dilucidar responsabilidades, coas consecuencias xurídicas e económicas que iso pode implicar.

Consecuencias que pagan os máis desfavorecidos

A partir da análise de anteriores catástrofes ambientais, sinala o artigo, evidénciase que son e serán os pobres, as comunidades menos desenvolvidas e os colectivos máis desfavorecidos os que deberán pagar os custos sociais da adaptación ao cambio climático, por ser os máis vulnerables ás súas consecuencias. Eses custos pódense dividir en custos directos de adaptación, custos para adaptarse ás adaptacións e custos que xera o fracaso na adaptación. Estas tres posibilidades están enlazadas, apuntan os investigadores, de maneira perversa, xerando unha espiral ascendente de pobreza e deterioración ambiental en certas comunidades. Como exemplo destas consecuencias citan o do pobo dos inuits, cuxa contribución ao proceso de quecemento global é case nula pero que se ven afectados seriamente nos seus dereitos como individuos e como cultura ao perigar o seu modo de subsistencia nas zonas frías debido ao cambio climático. “Secas, inundacións, incremento na intensidade de tormentas, catástrofes imprevistas, impactan e impactarán con forza nas comunidades máis pobres e vulnerables afectando aos dereitos humanos de moitas persoas no planeta”, comenta Juan Antonio Añel.

Neste senso, chaman a atención os investigadores, “o cambio climático non é neutral fronte ás desigualdades de xénero, polo que naqueles sitios nos que se comezaron a sentir os efectos do cambio climático pódese constatar unha vulneración importante dos dereitos humanos das mulleres”. En desastres ambientais que azoutaron Bangladesh, indican como exemplo, detectouse como moitas mulleres non abandonaron as súas casas en busca de refuxio polo medo e a vergoña de estar soas nos espazos públicos. A súa mobilidade reducida pola responsabilidade de coidar dos fillos e fillas, así como a súa incapacidade para nadar, fixo que o 90% das vítimas rexistradas nas inundacións do ano 1991 fosen mulleres e nenas. “Os dereitos humanos das mulleres son unha fonte importante de reflexión en relación co cambio climático”, advirten.

Repensar o dereito actual

Segundo explican os docentes ourensáns, as causas xudiciais sobre cambio climático, aínda que seguen sendo poucas e con sentenzas xeralmente desfavorables aos demandantes, triplicáronse do ano 2009 ao ano 2010 nos Estados Unidos e no resto do mundo a tendencia é similar. “Novas evidencias empíricas ou novos paradigmas teóricos poderían xerar cambios normativos capaces de alterar o panorama xudicial sobre o tema. Isto mostra a importancia que teñen as investigacións relacionadas coa ética do cambio climático e en particular aquelas centradas nos dereitos humanos. É necesario repensar as categorías xurídicas tradicionais de responsabilidade, dereitos, obrigas, dano, etc., á luz do desafío que supón o cambio climático. Iso permitiranos formular problemas e elaborar propostas que están chamadas a alterar o contido do dereito, a ética e a política ambiental nos próximos anos”, destacan os investigadores.

Este campo de estudo, indican, non só ofrece un conxunto de importantes cuestións para investigar senón que pon en evidencia o substrato valorativo no que se apoian todas as propostas que desde as diversas disciplinas científicas se realizan en relación á mitigación e adaptación ao cambio climático. “Explicitar as opcións valorativas e discutilas abertamente é unha forma de devolver ás institucións democráticas, e con elas á xente, a decisión sobre a maneira na que nos situaremos como civilización global nos próximos séculos”, salientan os autores do artigo publicado en Investigación. Cultura, ciencia e tecnoloxía.