DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo os datos recollidos no informe anual da Sociedade Meteorolóxica Americana (AMS)

O cambio climático, culpable de case o 70% dos fenómenos extremos estudados no 2013

O grupo EPhysLab, da Universidade de Vigo, participou cunha análise forense sobre o exceso de neve n

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
Noemí Rey DUVI 31/10/2014
Unha vaga de calor que deixou 300 incendios forestais en Australia, 87 mortos e 57.000 hospitalizados en Xapón, 800 defuncións en Gran Bretaña, 40 graos en Corea ou 40 falecidos en China en 2013 na que se considerou como a tempada de altas temperaturas máis grave dos últimos 140 anos. A maior seca da historia en California ou Nova Zelanda, a primavera máis fría dos últimos tempos no Reino Unido ou precipitacións de proporcións dramáticas en Colorado, na zona oriental dos Estados Unidos e na India, onde levaron a vida de 5800 persoas. Son once fenómenos extremos dos que o cambio climático é culpable. Así o desvela o informe anual da Sociedad Meteorológica Americana (AMS) Explaining Extreme Events of 2013 from a Climate Perspective, no que 22 grupos de científicos analizaron 16 fenómenos meteorolóxicos de grandes proporcións. O grupo da Universidade de Vigo EPhysLab, co investigador Juan Antonio Añel á cabeza, participou neste proxecto internacional cun estudo forense sobre a extrema precipitación de neve o ano pasado nos Pireneos, onde “se chegou a xuño cunha cota de neve bastante elevada e despois de moita acumulación entre febreiro e abril”.

Un caso único

O cambio climático influíu decisivamente no 68,7% dos fenómenos extremos estudados neste informe, aumentando nalgúns casos ata 10 veces a probabilidade de que se produzan de novo. Sen embargo, nesa estatística non se conta o estudo dos investigadores vigueses, que se recolle como un caso único ao ser a primeira vez que se analiza un fenómeno desas características. E non se puido establecer con claridade a súa orixe antropoxénica. “Non é que o cambio climático non tivera que ver con esta anomalía, pero coas técnicas das que dispoñemos na actualidade non fomos capaces de asocialo con seguridade. A precipitación de neve é unha das cousas máis complexas de estudar dentro do sistema climático e aínda que atopamos pequenas diferenzas somos moi precavidos e preferimos atribuílo á variabilidade natural do clima”, explica Añel.

Movidos pola curiosidade de ver ata onde se podía chegar nun fenómeno non estudado habitualmente e buscar métodos de análise alternativos, o primeiro que fixeron os investigadores foi ratificar que a cantidade de neve caída fora algo realmente extraordinario. Fixérono a través da recompilación de datos recollidos no último século e dos rexistros de aparellos máis modernos, como telenivómetros, instalados “hai non moitos anos”. E deron no cravo: “Non se tiña visto un fenómeno como este nos últimos 100 ou 200 anos”.

Coa colaboración de investigadores da Universidade de Oxford, do CSIC e da Agencia Estatal de Meteorología (AEMet) comezaron a facer simulacións no supercomputador de dous tipos: unhas tendo en conta as condicións meteorolóxicas e climáticas que había en 1960 supoñendo que se manterían ao longo dos anos e outras nas que se introduciron as variacións observadas, como o aumento do CO2 na atmosfera e na temperatura do mar. Das 30.000 simulacións feitas empregaron 600, “unhas 30 veces máis das que se soen usar no resto de estudos”. Pero ante a “pequena diferenza” e o “pequeno aumento do tempo de tarda” atopados na figura final do estudo preferiron ser cautos.

Unha seca cada dez anos

Aínda que é un traballo esixente, Juan Antonio Añel está convencido de seguir participando nos vindeiros informes da AMS aproveitando todos eses fenómenos que deixan unha morea de noticias frescas na memoria da xente para “concienciar” á sociedade da importancia do coidado do medio ambiente como vía para evitar males maiores. Este investigador Ramón y Cajal da Universidade de Vigo e profesor asociado de Oxford xa participara no estudo de 2012 cun análise da seca que afectara á Península Ibérica durante o verán e que provocara moitos problemas nos embalses.

Neste caso o cambio climático si estaba detrás: descubriron que era 10 veces máis probable que na actualidade se producise unha seca continuada de tantos meses cuns niveis baixos de precipitación que en 1960. Como recalca Añel, “se nos últimos 50 anos non tiveramos contaminado o noso planeta tal como o fixemos a probabilidade de descenso de choivas sería dez veces menor. É dicir, que onde antes tiñamos unha seca tan grave cada 100 anos agora imos ter unha cada dez”.