DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Xavier Labandeira, catedrático de Economía Aplicada da Universidade de VIgo:

"O cambio climático é o desafío máis importante para a humanidade"

Participará xunto con 831 expertos na elaboración do quinto informe do IPCC da ONU

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
Sara Alcázar DUVI 28/06/2010
A dependencia dos combustibles fósiles como fonte de enerxía é unha das principais causas que contribúen a incrementar o impacto do cambio climático, cuxos efectos déixanse notar non so medioambientalmente, senón tamén nos ámbitos social, económico e ético. Unha problemática que precisa de avaliación e estudo para establecer urxentemente políticas correctoras a todos os niveis.
Con este obxectivo, o catedrático de Economía Aplicada da Universidade, Xavier Labandeira, será un dos 831 especialistas que participarán na elaboración do quinto informe do Grupo Intergubernamental de Expertos sobre Cambio Climático (IPCC) da ONU, un documento vital para o establecemento de futuras medidas que axuden a mitigar este problema medioambiental, e que se agarda estea rematado no ano 2014.

É vostede un dos expertos responsables da redacción do informe do IPCC, cales son os obxectivos perseguidos por este documento?
Principalmente é un documento orientado a recompilar o coñecemento científico e académico sobre o cambio climático, centrado na avaliación do seu impacto e no establecemento de políticas e medidas que contribúan a súa mitigación.
Este tipo de informes elaborados polo IPCC dende finais anos 80, cando comezou a problemática do cambio climático, son moi importantes para a definición das políticas públicas que se poidan aplicar a nivel nacional e supranacional e tamén inflúen nos efectos da negociación internacional sobre esta cuestión. De feito, reunións coma a de Copenhague en boa medida se deben ao traballo do IPCC, posto que os efectos do cambio climático son potencialmente importantes, ao igual que as políticas correctoras, que non se poden tomar a lixeira e precisan de moito escrutinio, polo que o labor realizado por un organismo destas características é fundamental, co fin de informar e respaldar decisións de tan grande calado, nas que se mesturan cuestións económicas, éticas, sociais e interxeracionais.

Na elaboración deste informe participarán máis de 800 especialistas. Entre todos eles, cal será o seu papel en particular?
Eu son un colaborador máis dentro desa estrutura, que conta coa participación de recoñecidos científicos e académicos representantes de diversas áreas do coñecemento, polo que o informe está organizado en tres grandes grupos. O primeiro grupo, conformado maiormente por científicos, está dedicado á ciencia básica do cambio climático; no segundo participan investigadores que estudan o seu impacto e finalmente o terceiro grupo, ao que eu pertenzo, céntrase nas políticas correctoras sobre o cambio climático e alternativas tecnolóxicas.
Particularmente eu son autor líder do capítulo titulado Políticas nacionais e subnacionais e Institucións, un traballo importante e rigoroso que me interesou dende sempre a nivel académico, polo que estou moi satisfeito de traballar sobre el. Aínda que non está iniciado, penso que o noso traballo centraríase no papel que poden ter os diversos niveis xurisdicionais e administrativos dos sectores públicos e que instrumentos poderiamos empregar para acadar os obxectivos, dende a asignación das responsabilidades ata o uso de ferramentas de forma coordinada.
Deste xeito, imaxino que o noso estudo afondaría en analizar as políticas internas a nivel dos países, que efectos e consecuencias teñen, e como deseñar políticas de mitigación, tecnolóxicas, de redución de emisións, etc...

Fala de que a elaboración deste informe ten asociados importantes obxectivos e conclusións e precisa dun complexo traballo en equipo. Que supón para vostede formar parte dun proxecto desta envergadura?
No meu caso, fun nominado polo “bureau” do IPCC para ser autor líder dun capítulo do informe, o que supón un orgullo persoal e de recoñecemento que, por extensión, tamén resulta prestixioso para a Universidade, posto que estar entre os máis de 800 expertos que participan na elaboración do documento e ademais ser un dos 13 españois elixidos é todo un privilexio, posto que é moi difícil chegar a este punto.

Dado o amplo número de participantes, a coordinación do traballo non será doada. Como se desenvolverá a elaboración do informe durante este tempo?
En principio comezamos a traballar xa, con reunións anuais por grupos en distintos lugares do mundo. A primeira cita será en Corea do Sur, entre o 16 e o 20 de maio do 2011, onde trataremos cuestións de coordinación e afondaremos nalgúns avances, e despois reunirémonos os responsables da redacción de cada capítulo. A segunda reunión terá lugar en febreiro do 2012, e ese mesmo ano tamén nos reuniremos en novembro. Tamén está programado un encontro en setembro de 2013 tras o que, finalmente, terá lugar a aprobación definitiva do informe, prevista en Abril de 2014.

Segundo acaba de comentar, o ano 2014 é a data na que se agarda finalizar o documento. Unha vez elaborado, cal será o seguinte paso a seguir?
Preparar o seguinte informe. Despois da presentación do actual documento, poderemos contar cunha fotografía moi clara de cal é o coñecemento sobre temas de cambio climático, que seguramente teña unha grande influenza nas decisións que tomen os gobernos sobre a materia, pero eles son os responsables de decidir que medidas aplican e como as aplican. Aínda así, seguimos precisando aumentar o noso coñecemento neste tema tan relevante para a nosa sociedade, de maneira que o seguinte paso do IPCC supoño que será a elaboración dun sexto informe, quizais para o ano 2019.
Temos que ter en conta que o cambio climático é o desafío máis importante ao que se enfronta a humanidade, posto que se trata dun problema potencialmente grave a nivel global, o que dificulta a súa coordinación, e que afecta a diversos ámbitos, como o económico, o enerxético, o social e o ético. Sen embargo, tamén abre unha porta de oportunidades, posto que contribúe a impulsar un sistema enerxético baseado nas renovables, que para países como España e incluso Europa, suporía grandes beneficios como a independencia dos combustibles fósiles, que se traduce nun aforro futuro grazas á eficiencia enerxética. O que fagamos hoxe vai controlar con maior seguridade o cambio climático e limitará o seu impacto no futuro.

No caso de que o IPCC desexara contar con vostede na redacción do sexto informe, baralla a idea de aceptar de novo a invitación?
Supoño que si, a día de hoxe non se pode falar, xa que dependerá das miñas circunstancias persoais nese momento. Nesta ocasión non me podía negar ante unha oferta como esa, xa que sinto que é o meu deber e o meu cometido como académico. Ademais, é un traballo onde se ve e se demostra como é a xente da universidade e que os académicos podemos ter unha utilidade social clara, porque a información derivada do IPCC é aplicada posteriormente en gobernos e empresas.