DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Por Iolanda Veloso, concelleira de Igualdade do Concello de Vigo:

Camiñando pola igualdade

Etiquetas
  • Vigo
DUVI 09/03/2009

O 8 de marzo pasou de ser o día da muller traballadora a ser o día internacional da muller porque, que muller non é traballadora? Nos últimos tempos vense discutindo o propio concepto de traballo e xa non é o traballo remunerado o único recoñecido como tal. Por iso, nestes tempos de crise, cómpre lembrar a necesidade de mellorar a situación das mulleres que traballan a cambio dun salario pero tamén a daquelas que o fan sen recibir nada a cambio ou, polo menos, sen recibir cartos nin prestacións sociais e, moito menos, o recoñecemento que merecen (non esquezamos que, en moitas ocasións, estas dúas mulleres só son unha que desempeña unha dupla, ou tripla, xornada de traballo).
As necesidades de coidado na nosa sociedade veñen sendo cubertas polas mulleres no eido privado e só agora comeza a contabilizarse o custe que ese traballo tería para o noso país de estar sendo desenvolvido a cambio dun salario. Evidentemente isto supón un aforro para a nosa sociedade, unha gran cantidade de traballo desenvolvido de maneira totalmente gratuíta. A isto hai que sumar que o traballo remunerado realizado polas mulleres sae máis barato que o dos varóns.

Total, un choio, as mulleres somos un choio. Con razón hai resistencias a cambiar as cousas porque cando unha metade da poboación sae tan prexudicada pola situación ten que haber outra metade privilexiada que, se cambia o conto, perderá privilexios. Pero eu sei que nesa outra metade da poboación, entre os homes, hai moitos que non están a gusto con eses privilexios, por unha cuestión de xustiza e porque tamén teñen o seu prezo, nesta vida nada é de balde. Igual que non todos os homes son cómplices da violencia de xénero, non todos son cómplices da súa orixe, da desigualdade entre homes e mulleres.

Este 8 de marzo saímos as rúas xunt@s, reivindicando dereitos que nos benefician a todas e a todos porque constrúen unha sociedade máis igualitaria e por tanto, máis xusta, máis democrática, máis sostíbel, a sociedade que eles e elas queremos para os nosos fillos e fillas.