DUVI

Diario da Universidade de Vigo

264 PDI e PAS de catro universidades participan no proxecto Walk @ Work Spain

Camiñar mentres se traballa evita o sedentarismo e mellora o benestar do persoal laboral

Facer actividade física regularmente tamén reduce o absentismo laboral

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Iolanda Fernández DUVI 25/06/2013

Facer tarefas laborais dun xeito máis activo, intentar sentarse menos, subir escaleiras ou dedicar uns minutos de descanso a camiñar, reduce o perímetro da cintura e mellora a percepción de benestar do persoal segundo conclúe un estudo realizado polas universidades de Vic, Vigo, Ramon Llull e País Vasco. Os pequenos cambios introducidos nos hábitos dos traballadores e traballadoras sedentarios contribúen á mellora da saúde o que se traduce nun mellor rendemento no traballo e unha redución significativa do absentismo laboral. No estudo de campo de 19 semanas de duración participaron 264 persoas pertencentes aos cadros do Persoal Docente e Investigador e Persoal de Adminsitración e Servizos destas catro universidades. Grazas a esta iniciativa sentáronse as bases dun programa de actividades no eido laboral que melloran a saúde e o benestar do persoal universitario. A profesora do grupo de investigación en Deporte e Actividade Física da Universidade de Vic, Anna M. Puig, presentou este martes os resultados da primeira fase deste proxecto, Walk @ Work Spain.

10.000 pasos ao día

Un grupo de investigadores da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte da Universidade de Vigo, entre os que está o profesor Iván Martínez, foi o encargado de levar a cabo unha parte do traballo de campo no que participaron PDI e PAS dos campus de Vigo, Pontevedra e Ourense. Durante o período estipulado, o persoal participou nun programa deseñado polas catro universidades participantes no que se determinaban os pasos a seguir no seu día a día. En primeira instancia, debían facer o programa Tarefas laborais activas, que consiste basicamente en incrementar o número de pasos que daba mentres estaba no seu posto de traballo. Este número debía chegar ata os 10.000, cifra recomendada pola comunidade internacional para evitar a aparición de enfermidades crónicas. Por regra xeral, o persoal só realiza entre 4000 e 6000 pasos ao día, un feito que non axuda a reducir os riscos de padecer certas enfermidades como a obesidade, a hipertensión ou a hipercolesterolemia.

Na segunda fase do proxecto, Rutas para camiñar polo campus, os participantes, en colaboración cos investigadores, deseñaron diversos percorridos polos tres campus da Universidade de Vigo que PDI e PAS realizaban diariamente no seu tempo de descanso. Para levar a cabo esta iniciativa, ademais da colaboración do persoal universitario, contouse co apoio da Unidade de Medicina Deportiva do Servizo de Deportes que lles prestou as súas instalacións e do director da Biblioteca Universitaria, Gerardo Marraud, que os asesorou á hora de elaborar e enviar enquisas dixitais a cada un dos participantes.

O proxecto, dirixido polo grupo de investigación de Deporte e Actividade Física da Universidade de Vic, obtivo unha bolsa do MINCINN entre os anos 2009 e 2012. A investigación será presentada esta semana no 18th Annual Congress of the European College of Soport Science (ECSS) que se celebra en Barcelona, no Instituto Nacional de Educación Física de Cataluña, do 27 ao 29 de xuño.