DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Comeza en Ourense un 'Curso de Competencias Horizontais' para desenvolver a intelixencia emocional

O camiño á felicidade inclúe buscar sentido ao traballo

O director de Persoas de R salientou a importancia equilibrar capacidades e desafíos

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 13/04/2012

“A verdadeira felicidade deriva da identificación e do cultivo das fortalezas máis importantes da persoa e do seu uso cotiá no traballo, o amor, o ocio e a educación dos fillos”. Con esta definición de fondo, Santiago Vázquez, director de Persoas de R, abordou este venres no Curso de Competencias Horizontais a importancia da felicidade, e máis concretamente da felicidade no traballo. O desenvolvemento profesional ocupa unha parte moi importante do tempo e dos esforzos dunha persoa e, polo tanto, advertiu este experto en recursos humanos, non nos podemos permitir o luxo de renunciar a realizarnos nel.

O Curso de Competencias Horizontais foi inaugurado este venres no campus de Ourense coa participación de María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense; Ernesto Pedrosa, presidente do Consello Social da Universidade de Vigo; Ignacio Armesto, director da Área de Emprego da Universidade; e Alberto Vaquero, director da Área de Descentralización do campus de Ourense. “A intelixencia non é só racional, é tamén emocional e necesitamos dar pasos adiante significativos no seu desenvolvemento”, explicou María Lameiras como introdución a un curso que pretende formar aos participantes en habilidades necesarias para o éxito profesional e persoal, como son a intelixencia emocional, a motivación, a capacidade de comunicar e o liderado. “O futuro está baseado nunha boa formación en coñecementos pero tamén en habilidades e valores. As capacidades horizontais que se abordarán neste curso son cada vez máis apreciadas nunha entrevista de traballo”, apuntou Ernesto Pedrosa.

Para entrar en materia, o curso comezou cunha lección inaugural, titulada O sentido do traballo, a cargo de Santiago Vázquez, director de Persoas de R. Unha conferencia á que lle seguiu unha mesa redonda, Análise das competencias horizontais máis valoradas nos sectores produtivos galegos, que contou coas intervencións de Carlos Pena, responsable de Recursos Humanos de Grupo Pérez Rumbao; María José Fernández, directora de Persoal de Grupo Cuevas; Carlos Suárez, director xerente e conselleiro delegado de EDISA, e Santiago Taunton, director de Recursos Humanos de Coren.

66% de intelixencia emocional, 34% de coeficiente intelectual

En contra da visión do traballo como unha obriga, Santiago Vázquez fixo fincapé na importancia de “pensar no traballo como unha fonte de felicidade, porque cando te gusta o teu traballo xa non tes que ir a traballar”. Atoparlle este sentido ao desenvolvemento profesional, advertiu, ten un impacto positivo no rendemento laboral e na propia felicidade da persoa. Segundo explicou Vázquez, como xestionamos o noso pensamento é fundamental para acadar este estado de satisfacción. Neste enfoque, o desenvolvemento da intelixencia emocional amósase como fundamental pois, destacou, nun emprego o éxito depende nun 66% desta intelixencia e nun 34% do coeficiente intelectual.

A satisfacción co pasado, a felicidade no presente e o optimismo de cara o futuro son, na opinión deste experto, tres vértices necesarios no camiño cara a felicidade. Uns factores aos que engade o autocoñecemento, a capacidade de colaborar e atopar o equilibrio entre as habilidades propias e os desafíos que se enfrontan. Recoñecendo que un 50% da felicidade deriva de factores xenéticos e un 10% das circunstancias, Vázquez advertiu aos asistentes que resta un 40% variable que cada persoa pode traballar para mellorar os seus índices de felicidade.