DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Arturo Dopico, conselleiro delgado de R, segundo convidado Ciclo de Alta Dirección Empresarial:

“O camiño máis difícil é tamén no que se atopa menos tráfico”

Explicou que o futuro das telecomunicacións pasa inevitablemente pola fibra óptica

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
M. Del Río DUVI 13/04/2011
Apostar polo camiño máis complicado é unha decisión arriscada e difícil para unha empresa, pero ese camiño adoita ser tamén “o que ten menos tráfico”, unha vantaxe competitiva para os innoadores. Este é o caso de R, que no mercado das telecomunicacións optou por confrontar un modelo totalmente oposto ao das súas competidoras en España, un modelo nacido e radicado en Galicia, un futuro que só pasa pola fibra óptica, una empresa que só ofrece os seus produtos en paquete e non de xeito individual, cunha xestión da comunicación innovadora, cunha selección do persoal baseada en valores, cunha aposta radical polo galego e un convencemento na necesidade de innovar que os levou a acadar unha cota de mercado moi ampla en moi pouco tempo fronte a multinacionais de prestixio.

Este foi o resumo que o conselleiro delegado de R, Arturo Dopico, lles presentou aos futuros empresarios e economistas, ao abeiro do ciclo de conferencias de Alta Dirección Empresarial, xestado no Foro de Diálogo Universidade-Empresa en colaboración co Club Financiero de Vigo.

A cifras falan

Nun sector refuxio en época de crise como é o da telecomunicación (os usuarios consideran internet un servizo básico e as vendas só baixaron un 5% fronte ao 80-90% da construción ou a automoción) R mira cara ao futuro con optimismo. Dopico rexeita a idea de que este mercado estea sobresaturado con índices de implantación da banda ancha en Europa do 37% dos fogares que, no caso de España é do 21,5% e en Galicia do 16,5%, de igual xeito que sucede coa telefonía móbil, aínda que con ratio diferentes. “Isto demostra que queda moito camiño por percorrer para seguir crecendo e, ano tras ano, a realidade das cifras supera as previsións de negocio”. Así, explica como nun mercado como o das telecomunicación unha empresa galega atopou o seu oco, sendo o único operador que naceu en España sen socio tecnolóxico. “Foron moitos os que non creron na viabilidade deste proxecto”, pero hoxe as cifras falan, cun 13,9 % de crecemento medio nos últimos 5 anos. O 36% dos ingresos de R proceden do sector empresarial, un nicho polo que a operadora apostou dende o principio, do mesmo xeito que o fixo por comercializar paquetes e nunca servizos individuais. O 45,9% dos ingresos da empresa proveñen da telefonía fixa, o 9% do móbil e o 27% de internet, chegando a 71 localidades galegas e “demostrando que hai vida máis aló das cidades” a pesar da dispersión dos núcleos de poboación en Galicia.

A fibra óptica, futuro inevitable

No horizonte de R non hai máis que fibra óptica. “É o futuro inevitable e polo que apostamos firmemente cando todo o mundo falaba de wireless”, apunta o conselleiro delegado. Co ADSL chegando ao fin do seu traxecto “agora toca investir en fibra e Europa non pode quedar atrás”, a remolque dos países asiáticos. Arturo Dopico lembraba tamén que cando o mundo pensaba nas comunicacións sen fíos, R dedicábase a abrir beirarrúas e estradas co cable e, agora, “vese que íamos polo bo camiño”. O crecente tráfico de datos no que se refire a vídeo, 3D e alta definición non é soportable para os móbiles, só o sería para a fibra óptica NGA, “o móbil ten perdida esta batalla, non pode competir”.

O Ciclo de Conferencias de Alta Dirección Empresarial volve o vindeiro 27 de abril coa presenza de José García Costas, conselleiro delegado de Emenasa e presidente da Cámara de Comercio de Vigo.