DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Casa das Campás acolleu a presentación do libro ‘Da caverna a acrópole’, de Ciro Briones

Un camiño que entrelaza filosofía e pensamento en dirección a unha educación crítica

Editado polo Servizo de Publicacións, tivo como xerme un TFG 

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Divulgación
  • Estudantado
  • Publicacións
  • Cultura
DUVI Pontevedra 17/02/2023

Egresado da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, Ciro Briones levou a cabo para o seu traballo de fin de grao un estudo centrado no desenvolvemento do pensamento crítico, no que se combinaban filosofía, linguaxe, realidade e vivencias, e que derivou na posta en práctica dunha serie de iniciativas nese eido nunha aula de primaria. Aquel traballo, que tivo como titora á profesora Ana Fernández Soneira constituíu á súa vez o punto de partida de Da carverna a acrópole. Un camiño cara a educación crítica, un ensaio editado polo Servizo de Publicacións da Universidade de Vigo que este egresado presentou na mañá deste venres na Casa das Campás.

Briones estivo acompañado neste acto por Fernández Soneira e polo director do Servizo de Publicacións, Jorge Luis Bueno, quen destacou que este libro constitúe o décimo título publicado dentro da colección Miscelánea, impulsada en 2019 co obxectivo de “encher un baleiro” dentro deste servizo, o de contar cunha colección na que puidesen ter cabida propostas de múltiples tipos de autores e contidos de diversas tipoloxías. Nese senso, recalcou Bueno, a posta en marcha desta colección supón tamén “a oportunidade de divulgar obra de xente egresada da Universidade, que está no inicio da súa traxectoria profesional”, como é o caso de Briones, a quen convidou a profundar na liña de traballo que levou a cabo para o seu TFG e quen, subliñou, “foi capaz de presentar un ensaio tan interesante e tan potente”. 

Filosofía, pensamento, ensinanza e realidade

Autora do prólogo, Fernández Soneira presentou Da caverna á acrópole, como “unha obra que achega a filosofía á educación” e que ten como “premisa a necesidade de desenvolver o pensamento crítico”. De feito, se ben o TFG do que naceu enfocaba esa idea ao traballo nas aulas, o libro “vai un paso máis aló", explicou, afondando na necesidade de que o desenvolvemento do pensamento crítico parta da educación e da infancia para logo acompañar ás persoas durante toda a súa vida. “Polo tanto, é un libro que vincula filosofía, ensinanza e realidade e que trata de espremer todas as posibilidades que ten a escola para levarnos a ter unha consciencia de nós mesmos como seres sociais”, engadiu a profesora da Facultade de Comunicación.

Na súa intervención, Fernández Soneira lembrou tamén as múltiples preguntas que ían xurdindo en cada sesión de titorías ao longo do proceso de preparación do TFG, para pór de relevo a importancia que, “na educación e tamén na vida”, teñen as preguntas, como “ferramentas que nos permiten avanzar”. Da caverna á acrópole é nese senso “un camiño para ensinarnos a mirar dentro da realidade, facernos preguntas e tentar atopar respostas”, que implica "camiñar polas nosas dúbidas e preguntas existenciais, polo noso estar no mundo" e que xorde á súa vez da propia “busca persoal” do seu autor. Como salientou esta docente, o libro parte “do seu cuestionamento da realidade, da linguaxe, da educación e da cultura”, que derivou nun diálogo “con moitas voces poéticas, filosóficas e académicas” ao longo do volume. 

Do camiño propio a un camiño a construír nas aulas

O proceso que deu lugar ao traballo xerme deste volume foi tamén recordado por Briones nesta presentación, quen lembraba como iniciou as súas prácticas nun centro de educación primaria á vez que comezaba a idear o seu traballo final. De feito foi a súa busca persoal de recursos que lle permitisen abordar nas aulas o pensamento crítico a que serviu como punto de partida dun libro que define como “un cruce de pensamento, educación e filosofía”. 

Completado o TFG, Briones enfrontouse logo ao “reto de seguir adiante” que lle trasladou Bueno tras ter coñecemento do seu traballo e que deu lugar a un libro que parte do “camiño bastante persoal”, que sustentou a súa propia investigación. Nese senso, a primeira parte do volume “é un camiñar pola filosofía”, na que, explicou, “intento vincular un pouco a realidade, coa educación, coa linguaxe e coa pedagoxía”, a través dunha escritura con certa “clave poética” na que o autor, que hai uns meses era recoñecido co premio Xuventude Crea na modalidade de poesía, vai entrelazando “unha nube de conceptos e ideas”. 

A segunda parte, engadiu, céntrase xa na proposta teórica sobre filosofía e pensamento, a través dese diálogo cos diferentes autores e autoras aos que se foi achegando para levar adiante o seu proxecto, nese “camiño cara a educación crítica”. Finalmente, na terceira parte do libro a “experiencia persoal” e o corpo teórico combínanse cun achegamento, sinalou, “á realidade que vivín nas prácticas” e ao traballo que desenvolveu ao longo de varios meses cun grupo de nenos e nenas. “Intento explicar como se poden entrelazar esa teoría e esa realidade”, sinalou Briones, que presenta neste último apartado unha serie de recursos para traballar, a partir da filosofía, o pensamento crítico nas aulas, tanto os que el mesmo creou e puxo en práctica como outros que foi detectando ao longo dese “camiño” que conforma o libro.