DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A exposición de Luísa Lorenzo encádrase no Outono Fotográfico

Un camiño de Santiago que remata en Ourense

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
M. Del Río DUVI 17/11/2010
Sensacións, suores, risas, experiencias, amizades, sentimentos… toda esta bagaxe é a que se acumula percorrendo quilómetro a quilómetro o Camiño de Santiago. Ademais de quedar fixado todo na memoria e na retina, no caso de Luísa Lorenzo quedou tamén fixada a modo de fotografías que agora dar corpo á exposición Ao final do camiño. A mostra pode visitarse no Edificio Politécnico ao abeiro do Outono Fotográfico ata o vindeiro 25 de novembro e está composta por 22 imaxes que relatan o percorrido polo camiño na pel de diferentes peregrinos. Dende o propio camiño ata a Praza do Obradoiro, a Catedral ou a tumba do apóstolo, incluíndo incluso a recente visita do Papa á cidade, a exposición é unha compilación “de todos os recordos vividos ao longo da rota das estrelas, o premio, a metas, as probas superadas, o desexo cumprido, o imposible que non o é tanto, o sentirse ben cun mesmo, o reforzar os verdadeiros valores da vida, o abrazo ao santo... Chegar e tirarse, bicar o chan do Obradoiro”, en palabras da propia fotógrafa coas que presenta a mostra.
Luísa Lorenzo é autodidacta como fotógrafa aínda que cursou estudos de deseño, centrados sobre todo na ourivaría, eido que ela desenvolve a súa traxectoria profesional.

Cinco exposicións do Outono Fotográfico no campus

Para Luísa Lorenzo esta é a súa cuarta participación no Outono Fotográfico, que este ano conta con cinco exposicións no campus. Ademais de Ao final do camiño, xa pasou polo Edificio Politécnico Geometría, de Mari Carmen Hernández Izquierdo para dar paso o vindeiro día 29 a mostra que recolle as obras premiadas no VII Certame de Fotografía da Universidade de Vigo e a partir do 25, coincidindo coa celebración do Día Internacional contra a violencia de xénero, á mostra colectiva Mulleres vistas por mulleres, unha mirada de xénero, que chega á súa cuarta edición no Edificio de Ferro do campus. Trátase dunha colectiva, de máis de 50 autoras, cedida polo colectivo feminista Ciudad de Mujeres. A estas catro exposicións únese a mostra de Sheila Pazos que, ata o 22 de decembro acolle a Sala Alterarte. En Por que todo debería ter sentido? a artista insírese na cidade e mete ao espectador nesta contorna, percorrendo recunchos impensables dunha urbe que se sitúa ao límite da tolemia.