DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O mozo xordocego vigués Xerardo e o seu entrenador Javier Pitillas visitaron a FFT

“O camiño dos sentidos” ou como comunicarse a través do tacto

O xoves presentarán o proxecto Discamino de Santiago 2012 que o levará de novo a Roncesvalles

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
D. Besadío DUVI 19/03/2012
Non pode ver nin escoitar, pero como calquera outra persoa ten a necesidade vital de comunicarse. Gerardo ten 31 anos e sorprende nel a súa alegría vital. Vivo exemplo de que con moi pouca axuda é posible facer cousas importantes, este mozo xordocego vigués conseguiu coa axuda do seu guía e amigo Javier Pitillas facer o Camiño de Santiago desde Roncesvalles a Compostela pedaleando un triciclo tándem dirixido por Javier. Con esta viaxe como punto de partida xurdiu o documental O camiño dos sentidos, realizado por producións Beloke, onde se narra a fazaña de Gerardo e se amosa como unha persoa con graves limitacións “é capaz de seguir adiante e atopar razóns para ser feliz”. Así o presentaba a profesora Inmaculada Báez na Facultade de Filoloxía e Tradución onde esta mañá presentaron o seu novo proxecto, Discamino, unha aventura que o levará a repetir o camiño desde Roncesvalles pero nesta ocasión acompañadon ademais de por Javier, por Antonio, un neno cordobés de 13 anos cun 85% de parálise cerebral; o pai de Antonio e Dani, compañeiro de Pitillas que se uniu ao "tándem Gerardo-Javier" para axudalos no día a día e nos diferentes proxectos que poñen en marcha e que, nesta ocasión, fará o camiño en bici normal arrastrando un remolque cos útiles máis necesarios para facer a ruta

Este xoves ás nove da noite e con entrada de balde presentarán a iniciativa no auditorio do Concello de Vigo e hoxe, convidados polo grupo de investigación en Lingua Española e Linguas signadas, Griles, fixeron un adianto no campus. Empregando tres curtas Gerardo e Javier, amosaron a realidade de dúas persoas, o propio Gerardo e Antonio, que reivindicarán xuntas que unha ilusión pode vencer todos os inconvenientes “lóxicos”.

Obxectivo: mercar dúas bicicletas adaptadas

Sendo conscientes das limitacións, sobre todo económicas, que poden ter outras persoas para conseguir estes fins o proxecto ten tamén como obxectivo a adquisición de dous triciclos DUET (cadeira de rodas máis bicicleta) como o que eles van usar para regalar a ACPACYS, Asociación de Parálisis Cerebral de Córdoba, e a ASPAVI, Asociación de Pais de Discapacitados de Vigo “e que así sexan máis persoas con discapacidade as que teñan a oportunidade de gozar das sensacións da bicicleta aínda que sexa desde o asento dunha cadeira de rodas adaptada”, subliñaba na presentación Javier, policía local de Vigo que acompaña a Gerardo desde fai case 17 anos.

A idea é conseguir os fondos precisos a base de doazóns de particulares. Para isto sacaron á “venta” cada un dos 800 quilómetros que van percorrer, así como os monumentos e lugares especiais do Camiño. “Ademais, o propio xoves venderemos rifas para tentar ir recadando fondos que nos permitan comprar estas dúas bicicletas”, subliñou Javier, que aproveitou para dar a coñecer o blog http://nuncaserabastante.blogspot.com no que todas as persoas interesadas poderán atopar información actualizada sobre os diferentes proxectos que levan a cabo, o seu contacto e o número de conta no que poder facer contribucións.

Cando as mans son a túa voz e os teus oídos

Nun centro no que profesores e investigadores teñen como obxectivo estudar diferentes linguas, poder comunicarse con Gerardo foi toda unha experiencia. “Os que nos dedicamos a isto pasamos de considerar que a lingua escrita era o máis importante a considerar, tras moitas investigacións, que o máis importante era lingua oral, pero agora descubrimos que ademais das linguas orais existen máis linguas que trasmiten a comunicación a través das imaxes, as linguas visoxestuais e que, cando incluso con estas linguas os seres humanos non somos capaces de comunicarnos, superamos estas dificultades que a natureza nos impón e, neste caso, a comunicación a través do tacto é un feito e unha evidencia”, apuntou Inmaculada Báez, que non quixo deixar de subliñar a importancia da comunicación táctil.

Esta comunicación táctil ou linguaxe de signos aplicado, como especificou Pitillas, “fai que as mans teñan todo o protagonismo”, pois é través delas como se establece unha comunicación rápida e fluída coa outra persoa.