DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Saída a bordo do buque oceanográfico Mytilus

O campamento científico do Campus do Mar continúa vento en popa

Os rapaces percorreron a ría recollendo aparatos de medición das correntes mariñas e tomando mostras

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
Noemí Rey DUVI 08/07/2011

Con chuvasqueiros, calzado náutico e moitas gañas de seguir aprendendo, aínda que sexa lonxe de terra firme e cun orballo persistente. Así embarcaron os 30 rapaces e rapazas que participan dende esta semana no campamento científico do Campus do Mar e que, divididos en dous grupos, dedicaron a xornada a visitar o Museo do Mar de Galicia, en Alcabre, e a percorrer a ría a bordo do buque oceanográfico Mytilus. Un bautizo de mar para moitos destes estudantes de 4º da ESO e 1º de Bacharelato que proceden de distintos puntos de España, a maioría de Andalucía e da Comunidade Valenciana, e que levaban catro días no campus de Vigo pasando por distintos laboratorios facendo traballos de investigación e comunicación.

Un percorrido de catro horas pola ría no que investigadores quixeron facer unha demostración “de como se saca un fondeo, unha actividade de rutina na oceanografía”, como lles explicou o profesor do grupo de Física Juan Herrera, e no que lles ensinaron os distintos aparellos que se empregan durante unha campaña, dende un corrientímetro ata un medidor CTD, capaz de dar in situ datos de temperatura, salinidade, condutividade ou osíxeno disolto. Para completar a proba, unha toma de mostras do fondo mariño para “observar a flora e a fauna que se atopa na zona e que poidan distinguir entre fondos de area e lodo”. “Inténtase ensinarlles a importancia que teñen as correntes mariñas no clima e como inflúen no desenvolvemento da vida nos mares e océanos, xa que serven para regular a temperatura da auga ou a achega de nutrientes”, subliña Imanol Carretero, un dos monitores que durante estes días acompaña á primeira quenda de rapaces que participarán neste campamento científico.

Todo sabe mellor lonxe da casa

Ilusionados e con moitas gañas de saír mar adentro, os mozos e mozas, de 15 e 16 abos, teñen claro que aprendizaxe e diversión camiñan collidos da man. Polo menos neste caso. “A experiencia está resultando boa. Dannos moita caña, pero está ben aprender tantas cousas novas, sobre todo se é lonxe da casa”, confesa Melodie Bohny Traynor, unha estudante de Fuerteventura, acostumada a subir en barco para moverse “entre as distintas illas de Canarias”.

Unhas ideas nas que coincide Francisco Jesús Cobo Molina, que ven dende Lucena, “un pobo de Córdoba”, e que levou máis dunha sorpresa cando comezou o campamento. “Pensei que iamos ter que estudar máis, pero equivoqueime. Estudamos, dannos clases, pero tamén estamos a divertirnos moito, temos tempo de lecer, coñecemos xente nova…”, recoñece. Non era a primeira vez que subía en barco, porque “hai catro anos estiven en Galicia e xa puiden probar”, aínda que non nun como o oceanográfico no que levaron áncoras, considerado o mellor buque de investigación de porte medio-pequeno de España, un barco de 24 metros de eslora construído no ano 96 partindo dun deseño bastante racional e feito coa idea de que se puidera modificar tanto a estrutura como o equipamento para adaptalo ás necesidades dos investigadores.

Agora a estes 30 rapaces lles queda por diante unha semana de traballos de investigacións, sesións teóricas, obradoiros e tempo libre que rematará o vindeiro día 15 de xullo cunha festa de despedida. Tras a súa marcha, unha nova quenda con outros 30 estudantes, os mellores expedientes de educación secundaria de España, que farán en Vigo a súa primeira inmersión no que pode ser a súa profesión de futuro.