DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A campaña "O alcol pensa por ti" volta para concienciar aos universitarios dos riscos que conleva o consumo desta sustancia

Máis do 80% dos estudantes confesa ter consumido bebidas alcohólicas nos últimos 30 días

Etiquetas
  • Ourense
  • Estudantes
Noelia V. Vilanova DUVI 24/11/2008

O alarmante aumento do consumo de alcol en idades cada vez máis temperás fai que campañas como O alcol pensa por ti, que se presentou este luns no Concello de Ourense, sexan necesarias para previr aos mozos das perigosas consecuencias destes comportamentos. Esta iniciativa, que xa se iniciou no pasado mes de xuño, volve tras o verán cunha segunda fase na que o principal obxectivo é previr os consumos de risco e reducir os comportamentos perigosos para a saúde no colectivo universitario con idades comprendidas entre os 18 e os 25 anos.
A campaña consistirá, tal e como explicou Paz Villar, responsable técnica da iniciativa, nun Espazo Activo no que persoal cualificado “repartirá información e aconsellará aos estudantes sobre o consumo de alcol”. Este stand percorrerá as facultades para que ninguén quede ao marxe. Ademáis, outras dúas actividades completarán a programación da campaña: por unha parte, a representación teatral O alcol pensa por ti e, pola outra, un concurso de fotografía.
Durante a presentación desta iniciativa na que colaboran conxuntamente a Universidade de Vigo e o Concello de Ourense, Marga Martín, concelleira de Sanidade destacou que “o consumo de alcol realízase de xoves a sábado como unha conduta repetitiva”, e o máis preocupante do caso “é que está aceptado socialmente”. Para a concelleira o problema está en que “moitas desas persoas non son conscientes das consecuencias da súa conduta, por iso é preciso intervir na normalidade con que é vista a inxesta de alcol”. Pola súa banda, Juan Francisco Gálvez, vicerreitor do campus, chamou a atención sobre o dato de que “máis do 80% dos alumnos universitarios confesa ter consumido alcol nos últimos 30 días”. Por iso para Gálvez a clave é “concienciar aos estudantes de que para divertirse non é necesario o consumo de alcol”. O vicerreitor tamén subliñou que “con esta campaña non só gañaremos en saúde, senón que probablemente tamén salvaremos vidas”.

A campaña na Universidade

A iniciativa O alcol pensa en ti comeza o seu percorrido polo campus este mércores 25 coa instalación do Espazo Activo no Edificio Xurídico-Empresarial, o mércores 26 estará no Edificio de Ferro e o xoves 27 tocaralle a quenda ao Edificio Politécnico.
Dentro da programación para o campus inclúese a representación da obra teatral O alcol pensa por ti, que terá lugar na aula magna do sótano 1 do Edificio Politécnico o xoves 27 ás 20.00 horas. Para conseguir involucrar máis ao colectivo universitario tamén se organiza un certame fotográfico no que poderá participar dende o 1 de decembro ata maio do 2009 con imaxes que preveñan sobre o consumo abusivo do alcol. As bases para participar no concurso estarán dispoñibles a partir do día en que se inicia o certame no seguinte enderezo web: www.fotoprevencionalcol.com