DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ábrese o prazo de inscrición para o alumnado interesado en participar

A campaña arqueolóxica anual do GEAAT en Armea desenvolverase no mes de xullo

A iniciativa é froito da colaboración existente entre a UVigo e o Concello de Allariz

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Investigación
DUVI Ourense 28/04/2022

Un ano máis o Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT) da Universidade de Vigo volverá a escavar na cibdá romana de Armea, na parroquia ourensá de Santa Mariña de Augas Santas. Froito dun convenio de colaboración existente entre a institución académica e o Concello de Allariz e co apoio da Xunta de Galicia, a campaña arqueolóxica de 2022 desenvolverase durante todo o mes de xullo e nesta ocasión o obxectivo será ampliar a zona musealizable cara o leste. O alumnado universitario interesado en participar na intervención xa pode inscribirse nela.

Segundo lembran desde o GEAAT, a cibdá de Armea é un xacemento único de orixe romana situado no Concello de Allariz, ocupado ex novo arredor do século I despois de Cristo e abandonado no III. O Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio leva estudando este enclave, que destaca polo seu grao de conservación e o feito de estar nunha contorna rural, cunha campaña arqueolóxica cada verán desde o ano 2014. Os traballos levados a cabo en cada campaña son financiados polo Concello de Allariz, contando ademais nos últimos anos co apoio económico da Xunta de Galicia, concretamente da Consellaría de Cultura, Educación e Universidade a través dun convenio co propio concello ourensán. As intervencións anuais realizadas no enclave por parte deste grupo apuntan a que foi “unha auténtica cidade romana” que suporía despois da cidade de Lugo o principal tecido urbano de época romana de Galicia.

Domus do tríscele

“Armea é unha cidade de época romana, do ámbito rural pero cunhas dimensións xa considerables, probablemente dunhas catro hectáreas”, comenta Adolfo Fernández, director do proxecto. Os traballos de escavación realizados nela, indica, permiten ver xa por completo dúas domus ou casas do barrio residencial ademais de zonas públicas, como rúas. Na campaña arqueolóxica que se desenvolverá neste 2022, comenta o arqueólogo do GEAAT, o obxectivo “é seguir ampliando a zona musealizable, a área expositiva”. Así, avanza, a idea é escavar entre 150 e 200 metros cadrados máis na nova casa que foi aparecendo nas últimas campañas e que denominan a domus leste ou domus do tríscele, da que xa teñen catro habitacións escavadas pero que, apuntan, “esténdese moitísimos metros cadrados máis”. As e os arqueólogos traballarán na escavación desta domus e na rúa central coa intención de ir expandindo o xacemento descuberto “cara o leste da finca da atalaia, onde se centraron as escavacións os anos anteriores, cara as fincas que adquiriu o Concello de Allariz o ano pasado e que son de titularidade pública”.

Logo da campaña de escavación, engade Adolfo Fernández, virá unha campaña de conservación e restauro e tamén de musealización dos restos que aparezan. “O obxectivo é sempre dotar de novidades o xacemento para que a xente que volve a visitalo atope cada ano unha zona nova escavada”, sinala o arqueólogo.

Inscrición ata o 15 de maio

A inscrición para participar nesta campaña de 2022 xa está aberta. O alumnado de Arqueoloxía, Historia, Historia da Arte e titulacións afíns interesado pode inscribirse ata o 15 de maio no formulario web habilitado polo GEAAT. Cada ano, o grupo recibe un elevado número de solicitudes procedentes de universidades non só galegas senón de toda a xeografía estatal dada a importancia do xacemento, o enfoque de curso arqueolóxico destas prácticas e o feito de ofrecer aloxamento para parte das e dos participantes, entre outros aspectos. As persoas interesadas poden solicitar unha praza para a primeira ou a segunda quincena de xullo, tendo preferencia na concesión o alumnado de Arqueoloxía e Historia.