DUVI

Diario da Universidade de Vigo

I Edición dun concurso de cartelería que permite achegar a disciplina á cidadanía

No campo da Química, unha imaxe tamén vale máis que mil palabras

O prazo de presentación de carteis remata o 10 de outubro

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
Jessica Fdez. DUVI 05/10/2011

Co fin de achegar a química á sociedade e dar a coñecer o seu labor contributivo ao benestar social grazas a súa aplicación en ámbitos como a arte, o deporte, o medioambiente ou a alimentación, a Universidade promove o I concurso de cartelería A Química na nosa vida. O certame, enmarcado dentro das actividades do Ano Internacional da Química, está organizado pola Facultade de Química e conta coa colaboración da Conferencia Española de Decanos desta disciplina. Está dirixido a toda a comunidade universitaria, co fin de facer públicos os logros dunha ciencia cunhas grandes propiedades que permite que o día a día sexa máis sinxelo.

A química é unha disciplina que estuda as propiedades, composición e estruturas da materia, así como a súa transformación, evolución e reaccións. Aínda que para moitos soe coma unha ciencia descoñecida ou afastada, a súa capacidade de adaptación a diferentes campos de estudo permite que se desenvolvan produtos e servizos que nos garanten unha mellor calidade de vida e facilitando o acceso a auga potable, a recursos naturais, a enerxía ou a medicamentos.

Participantes, obxecto e prazos

O concurso conta con dúas fases de participación. Na primeira delas poden participar todos os membros da comunidade universitaria, presentando ata tres carteis de forma individual ou en grupos de ata catro persoas antes do 10 de outubro. Os traballos teñen que ser orixinais, realizados expresamente para o concurso e respetuosos tanto co lema xeral como cos obxectivos iniciais e bases do concurso.

Na segunda fase soamente se poderán presentar os carteis que foron premiados polo xurado na etapa anterior, sendo a data límite para o envío das propostas o 21 de outubro.

Premios

En cada unha das fases serán premiados os tres carteis mellor valorados. Na primeira fase, o xurado estará composto por membros da Comisión de Actividades do Ano Internacional da Química da Universidade, que serán os encargados de elixir os tres traballos que mellor se adapten aos obxectivos da convocatoria e que serán premiados con 200, 150 e 100 euros respectivamente. Na segunda fase, os encargados de seleccionar os carteis gañadores serán os membros da Conferencia Española de Decanos de Química, que repartirán un primeiro premio de 1000 euros, un segundo de 600 e un terceiro de 300 euros.