DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os días 22, 23 e 24 de abril en Ciencias Empresariais e Turismo e na Fundación Caixa Galicia

O campus achégase á cultura francesa cunhas xornadas sobre tradución nas que o cine terá especial protagonismo

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Noelia V. Vilanova DUVI 21/04/2009

Tras descansar un curso retornan á cidade as IV Xornadas ourensás de tradución e cultura francesas, nadas no ano 2004 co obxectivo de encher un espazo cultural na vida do campus e dar a coñecer a cultura do país veciño. O curso, que conta con conferencias, obradoiros e proxeccións audiovisuais en versión orixinal, desenvolverase durante os días 22, 23 e 24 de abril no salón de graos da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo en horario de maña e polas tardes no Centro Sociocultural da Fundación Caixa Galicia na rúa Xoán XXIII, entidade colaboradora na organización das xornadas.
Como o seu propio nome indica, este curso terá como temática fundamental “a cultura francesa e a problemática da tradución, así como das relacións interculturais e do contacto entre linguas”, explicou Manuel Ángel García, coordinador das xornadas.
Por outra banda, Beatriz Fernández-Anguiano, responsable da Fundación Caixa Galicia en Ourense, comentou que “este ciclo é posible grazas a estreita e intensa colaboración que existe coa Universidade de Vigo”. Ademais prognosticou o éxito de asistencia xa que “pola experiencia das edicións anteriores, cada ano aumenta a presencia de xeito exponencial, porque estas son unhas xornadas con contidos moi interesantes”.
A entrada será de carácter gratuíto para todas as persoas, aínda que os estudantes e docentes que estean interesados en obter a convalidación por “un crédito de libre elección ou o equivalente a un curso de 20 horas, respectivamente, terán que aboar 10 e 20 euros”, indicou García.

A tradución desde o cine

As xornadas contarán coa participación de profesores, tanto de secundaria como universitarios, e tamén de profesionais e investigadores que darán conta da súa experiencia en relación coa cultura francesa. O obxectivo fundamental dos seus relatorios será “dar a coñecer todo o relacionado coa tradución dende a lingua francesa ao castelán e galego en función do coñecemento da súa cultura e divulgar aspectos sobre esta civilización”, comentou García.
O curso comezará o día 22 ás 17.15 horas coa proxección de La Belle et la Bête, dentro do ciclo de cine Jean Cocteau, polémico escritor, dramaturgo e director francés do século XX que centrará as proxeccións das xornadas. Hai que sinalar, respecto ás películas, que son todas en versión orixinal con subtítulos. Ao remate do filme, ás 19.00 horas, José Manuel Fidalgo ofrecerá un relatorio sobre o coñecido Toulouse-Lautrec.
As mañás do 23 e o 24 comezarán do mesmo xeito, ás 10.30 horas no salón de graos do Edificio Xurídico-Empresarial, co obradoiro cultural Lille ville au coeur de l’Europe dirixido por María Dolores Abraldes Suárez. A continuación, ás 12.15 horas, terá lugar unha proxección que será no caso do xoves La Belle et la Bête e Orphée o venres.
Polas tardes, o xoves comezará ás 17.15 horas novamente co ciclo de cine Jean Cocteau e a súa película Orphée, seguido ás 19 e 20 horas das conferencias O mito de Orfeo no filme ofrecida por José Manuel Vélez e Tradución: outro xeito crear da man de Xoán Abeleira. O venres pecharase a sesión coa proxección de Les parents terribles ás 17.15 horas e un relatorio sobre a visión de España a través das Chroniques et conquestes de Charlemaine de David Aubert, ofrecido por Santiago López ás 19 horas.