DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este mércores foron recibidos no edificio Xurídico-Empresarial

O campus acolle a 34 estudantes estranxeiros de intercambio procedentes de 12 países

Italia é o que máis alumnado internacional achega

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Internacional
  • Estudantes
DUVI Ourense 01/02/2023

Este cuadrimestre son 278 as e os estudantes internacionais que completan a súa formación nas aulas da Universidade de Vigo ao abeiro de diferentes programas e convenios de intercambio. 34 deles, procedentes de 12 países, teñen como destino algunha das facultades e escolas do campus de Ourense.

Ao igual que aconteceu este martes no campus de Vigo, este mércores as e os estudantes foron recibidos no edificio Xurídico-Empresarial de Ourense por representantes da Oficina de Relacións Internacionais da UVigo (ORI) e da asociación Erasmus Student Network (ESN-Vigo), que presentaron a súa iniciativa de acompañamento e acollida para o alumnado internacional, o Buddy Program. Amelia Rodríguez, directora da ORI, destacou que no eido da mobilidade internacional “estamos case volvendo á normalidade, recuperando as cifras que había pre-covid, e neste campus parece que se manteñen as mobilidades recibidas e as enviadas”. Igualmente sinalou que, dado que a Universidade non só participa nos programas Erasmus senón que ten convenios con moitos outros países arredor do mundo, ademais de recibir alumnado de países europeos tamén se reciben estudantes de por exemplo América ou Asia.

Na sesión celebrada este mércores, o alumnado tivo a oportunidade de coñecer os servizos que lles ofrece a institución académica e as actividades que poden realizar durante a súa estadía, ademais de realizar un test de nivel para acceder ao curso de español que organiza o Centro de Linguas. Na benvida, animóuselle ás e aos estudantes a aproveitar desde o punto de vista académico pero tamén cultural os seus vindeiros meses en Ourense e en Galicia.

Distribución por centros e por países

Por centros, os datos indican que a Facultade de Educación e Traballo Social, é a máis internacionalizada do campus, recibindo en total 13 estudantes de sete nacionalidades. Séguelle Ciencias, con nove estudantes de sete países, e Ciencias Empresariais e Turismo, con cinco estudantes de catro países. Pola súa banda, a Facultade de Dereito acolle tres estudantes de outras tantas nacionalidades; a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo dous estudantes, ambos de Portugal; Enxeñaría Informática outro estudante, tamén luso, e Historia tamén un, neste caso de Italia.

Por países de procedencia, en total o alumnado internacional abrangue doce nacionalidades. Italia encabeza a listaxe, con sete estudantes procedentes dese país. Séguelle Portugal, con cinco; Chile, con catro; Francia, Turquía, Alemaña e México, con tres estudantes cada un deles, e Brasil, con dous. Por último, Croacia, Ecuador, Finlandia e República Checa achegan cada un deles un estudante ás facultades e escolas do campus. Na súa distribución por centros, destaca un grupo de cinco estudantes de Italia na Facultade de Educación e Traballo Social, tres de Chile neste mesmo centro e tres de Francia na Facultade de Ciencias.

Entre as e os estudantes que este mércores acudiron á benvida estiveron as lusas Erika Marques e Catarina Oliveira, procedentes da Universidade Beira Interior, de Covilhã, Portugal, que escolleron a Escola de Enxeñaría Aeronáutica para continuar os seus estudos. Foi, indicaron, unha elección na que pesou o desexo de continuar estudos "nun país diferente ao noso pero relativamente preto de Portugal. Tiñamos outras opcións, pero eliximos este destino e agardamos que vaia todo ben". A piques de incorporarse ás aulas, as súas primeiras impresións tanto da cidade como do campus que as acollerá os vindeiros meses foron moi boas.