DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus acolle un curso de debuxo por ordenador para a súa aplicación transversal nos estudos

O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o 7 de xullo

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Esmeralda L. Castro DUVI 02/07/2010

A integración no Espazo Europeo de Educación Superior (EEES) vén acompañada de novas metodoloxías pedagóxicas para transmitir un coñecemento transversal que relacione unhas materias coas outras. Con ese obxectivo o campus acolle o Curso de iniciación ao debuxo por ordenador. Trátase dunha actividade formativa práctica para a adquisición de capacidades e habilidades de debuxo con diversos programas, que lles permita aos estudantes aplicar estes coñecementos nos materiais que necesiten realizar para os traballos de clase ao longo da súa carreira. Oriéntase a darlle facilidades ao alumnado para facer debuxos e gráficos e incluílos nos seus informes e proxectos, empregando desde o software máis sinxelos (Paint, Word, Excel, Power Point) ao máis complexo como o AutoCAD. É unha revisión rápida dos programas de tratamento de imaxe, de debuxo e de representación en 3D, cunha ollada posta no software libre deste tipo.

Este curso intégrase nos programas de formación do alumnado da antiga Vicerreitoría de Formación e Innovación Educativa e está organizado pola Escola de Enxeñaría Técnica Forestal. O período de matrícula permanecerá aberto ata o día 7 de xullo. Pode formalizarse a través da plataforma Bubela da Área de Posgrao Virtual e ofértanse en total 24 prazas. A docencia comezará o día 8 de xullo e desenvolverase en 6 sesións que se prolongarán ata o 15 de xullo. Estará impartido polos profesores Paulino Alegre e Alberto Comesaña, membros do Departamento de Deseño en Enxeñaría, e por María Tenorio, técnica superior en desenvolvemento de proxectos urbanísticos e operacións topográficas, cunha ampla experiencia en deseño 3D para arquitectura e en tratamento de imaxe.

Aplicación transversal do debuxo

“É un curso para facilitar a adaptación dos estudantes ao cambio derivado do plan Boloña”, comenta Paulino Alegre. Está dirixido principalmente a estudantes dos primeiros anos de todas as titulacións e mesmo preuniversitarios e, segundo o docente, busca traballar as habilidades transversais que esixe a nova didáctica na contorna do EEES. “Coas mudanzas en marcha na Universidade e as novas ferramentas informáticas a forma de estudar é diferente”, sinala, polo que destaca o carácter transversal deste curso, que propón a realización de debuxos por ordenador para a súa utilización no estudo e na preparación de apuntamentos e traballos de clase. “Manexaranse diferentes programas informáticos para que o alumnado poida facer un debuxo con precisión e incorporalo a un memorando, a un dossier ou a unha presentación”, explica. Está convencido de que esta actividade lle será moi útil ao universitario para a autoformación e a mellora da súa eficiencia na aprendizaxe e afrontar así con éxito os retos da educación superior.