DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Promovido pola Federación Galega coa colaboración da Área de Benestar, Saúde e Deporte

O campus acolle un curso gratuíto de iniciación á arbitraxe no baloncesto

Desenvolverase a vindeira semana e o prazo de inscrición permanece aberto ata este domingo

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Deportes
DUVI 05/04/2018

No marco da colaboración entre a Federación Galega de Baloncesto e a Área de Benestar, Saúde e Deporte da Universidade, o campus de Pontevedra acollerá a vindeira semana un curso gratuíto de iniciación de árbitros e oficiais de mesa, integrado por oito horas de formación teórica e dúas de carácter práctico. Aberto tanto á comunidade universitaria como a calquera persoa interesada, a inscrición no curso que se vai desenvolver na Casa das Campás e no Pavillón Universitario poderá realizarse ata este domingo a través do correo arbitrosarousa@fegaba.com.

Segundo explica o responsable da Área de Benestar, Saúde e Deporte no campus, Gustavo Loureiro, este curso, que se desenvolve por primeira vez na Universidade, encádrase “no convenio de colaboración que temos coa Federación Galega” e permitirá a aqueles e aquelas que o completen "poder comezar a arbitrar ou oficiar de mesa en partidos de categorías inferiores”. As regras do xogo, a acta e a plataforma de xestión arbitral centrarán as sesións teóricas que entre o luns 9 e o xoves 12 se desenvolverán na Casa das Campás en horario de 19.30 a 21.30 horas, completándose o curso cunha sesión de carácter práctico que terá lugar na tarde do luns 16 no Pavillón Universitario.