DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A través dunhas xornadas organizadas por FSC co apoio da Escola de Enxeñaría Forestal

O campus acolle un encontro pioneiro entre España e Portugal para coordinar a certificación da madeira

Esta colaboración beneficiaría ao monte galego, máis próximo á realidade portuguesa que á española

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Bea Feijóo DUVI 29/05/2012

A Escola de Enxeñaría Forestal do campus vólvese converter en referente internacional ao acoller este martes e mércores unhas xornadas pioneiras sobre certificación forestal, organizadas conxuntamente polas iniciativas FSC España e Portugal, dependentes de FSC Internacional, unha organización sen ánimo de lucro fundada para promover o manexo responsable dos bosques. “É a primeira vez que dúas unidades nacionais da FSC se xuntan para coordinar desta maneira os requisitos esixibles da madeira controlada”, explica o profesor Juan Picos, membro de FSC España e coordinador do encontro na escola.

Como apunta o profesor Picos, no contexto da FSC Internacional, unicamente se lembra un intento de colaboración destas características entre Estados Unidos e Canadá “que non resultou”. Xeralmente, cada país membro adapta as regras internacionais da organización á súa realidade concreta, pero, dada a confluencia nun mercado único do sector forestal español e portugués, “é lóxico a procura dun mínimo común múltiplo nos requisitos de calidade da madeira a un lado e a outro da fronteira”, destaca o profesor da EE Forestal, de aí a relevancia destas xornadas, “que poden mellorar a coordinación para proxectar a realidade ibérica como unha unidade no contexto internacional”.

Un primeiro paso

Nas xornadas participan preto de 30 expertos procedentes dos dous países, contando con representantes empresariais e de asociacións sectoriais, entidades de certificación, centros de investigación, organizacións ambientais... O encontro está liderado por Silvia Martínez, responsable de proxectos de FSC España, e por Vera Santos, directora executiva de FSC Portugal, que salientan que esta xuntanza é o primeiro paso na redacción dun documento de traballo para coordinar os procedementos de xestión da madeira controlada da zona ibérica, “que logo deberá ser aprobado pola FSC Internacional e pasar un proceso de participación pública”, aclara Silvia Martínez. Non obstante, as expertas amósanse moi optimistas porque a existencia de condicionantes semellantes, como o réxime de minifundio e a plantación única de diversas especies, fan imprescindible “a harmonización das regras do certificado FSC, traballando xuntos para un proxecto común”, engade a directora de FSC Portugal.

Beneficios para o sector en Galicia

Unha das rexións máis beneficiadas desta procura de sinerxías entre España e Portugal “sería Galicia”, advirte Picos, xa que a realidade do monte galego adáptase mellor aos requisitos impostos pola normativa FSC en Portugal, que ao contexto español. “Esta coordinación axudará a que o sector forestal galego avance no eido da certificación FSC, escasa nestes momentos nos montes da comunidade, pois estamos máis próximos do estándar portugués que da realidade xeral dos bosques españois”. Para Picos, conseguir este selo de calidade recoñecido internacionalmente é “fundamental” para o mercado da madeira da rexión xa que lle garante ao consumidor que a xestión forestal foi realizada baixo criterios de sustentabilidade e cun seguimento fiable dende a orixe dos produtos forestais. “Esta garantía nun principio era voluntaria, pero agora estase a converter nunha esixencia por parte dos mercados, requiríndoa en normas, regulamentos e lexislación a escala mundial”, manifesta o profesor.

Así mesmo, a Escola de Enxeñaría Forestal “séntese orgullosa” de acoller este encontro ibérico “contribuíndo á aplicación da técnica e da ciencia para implantar un sistema relevante a nivel mundial. É un tema candente e de actualidade no que a escola quere colaborar e estar presente”, declara Juan Picos, “máis se se trata no contexto galego portugués, campo de actuación da nosa Universidade”.