DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Organizada por alumnado do Grao de Educación Social

O campus acolle o martes pola tarde unha xornada de troco e sostibilidade

Está aberta á comunidade universitaria e ás persoas interesadas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Estudantado
  • Feiras e exposicións
  • Medio Ambiente
  • Estudantes
DUVI Ourense 28/04/2023

O martes 2 de maio, de 16.30 a 20.30 h, a entrada principal da Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense acollerá a celebración dunha xornada de troco e educación para a sostibilidade. Os membros das comunidade universitaria e a cidadanía en xeral poder achegarse a trocar nela os obxectos que desexe (como roupa ou libros) e participar no programa de actividades complementarias que se desenvolvan.

A iniciativa, que celebra a súa terceira edición, está organizada polo alumnado da materia Educación de Persoas Adultas, do Grao de Educación Social da Facultade de Educación e Traballo Social, impartida pola profesora Emilia Seoane. Conta co apoio, ademais da facultade, das vicerreitorías do campus de Ourense e Extensión Universitaria e da Cátedra Unesco Educación transformadora: ciencia, comunicación e sociedade. “Neste momento, ao falar de educación de persoas adultas xa non hai lugar a identificala como alfabetización de lectura, escritura e cálculo senón que hai que alfabetizar ás persoas adultas primeiro para mudar de ser consumidoras a ser usuarias. Se somos consumidores, consideramos que temos dereito a consumir todo aquelo que cae nas nosas mans e esquecémonos de onde veñen e onde van a parar. Se somos usuarios, vamos poder tratar de que iso se mova e pase a outras persoas ao longo da súa vida útil”, comenta Emilia Seoane, facendo fincapé en que “non podemos consumir o que non nos pertence e o que hai no planeta non nos pertence a nós, é de todos e das xeracións que virán, podemos usalo pero con responsabilidade”.

Crecente preocupación social

Esta actividade, indica o alumnado participante, “nace baixo a crecente preocupación social que existe pola situación ambiental actual e ten os obxectivos de aproveitar os recursos materiais dos que dispoñemos alongando o seu ciclo de vida; promover un cambio transformador cara un pensamento crítico, sostible e adaptado, e por último, sensibilizar ao colectivo de persoas adultas sobre a necesidade de actuar ante a problemática medio ambiental”. Neste contexto, a xornada de troco é una actividade orientada ás persoas adultas (aínda que poden ir acompañadas de nenas e nenos) que busca transformar o seu pensamento e tamén ser un punto de encontro e interacción entre as persoas. Trátase, apuntan, dunha actividade para a convivencia, o fomento do espírito crítico e sobre todo para crear unha conciencia ecosocioambiental.

A preparación e realización desta actividade de educación para a sostibilidade, comentan desde a súa organización, contribúe a que o alumnado participante adquira competencias específicas da materia de Educación de Persoas Adultas e permite ademais “poñer en práctica de maneira transversal todo o aprendido nas diferentes materias que xa se teñen cursado nestes dous anos”. A xornada, sinalan, supón “unha gran oportunidade de boas practicas encamiñadas ao compromiso necesario por parte de todas as persoas co mantemento dun planeta máis sostible”. As persoas interesadas en participar só teñen que acudir cos obxectos que desexen trocar á zona habilitada para facelo diante da Facultade de Educación e Traballo Social e unha vez alí se lles explica a dinámica de participación.