DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Do 24 ao 28 de abril terá lugar a décimo sexta edición desta iniciativa 

O campus acolle unha nova semana de recollida de aparellos eléctricos e electrónicos

Dirixida a concienciar respecto da importancia dun correcto tratamento destes residuos

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Medio Ambiente
  • Institucional
DUVI Pontevedra 20/04/2023

Debido ao carácter contaminante de algúns dos seus compoñentes, os aparatos eléctricos e electrónicos non poden rematar a súa vida útil nun colector, senón que deben ser entregados a un xestor autorizado na xestión deste tipo de residuos. Coa idea contribuír á concienciación da comunidade universitaria respecto desta cuestión e promover á vez un adecuado tratamento destes aparellos, a Vicerreitoría do campus promove a XVI edición da Semana de Recollida de RAAE´S (residuos de aparellos eléctricos e electrónicos), que se desenvolverá entre o luns 24 e o venres 28 de abril.

Ao longo da vindeira semana, as diferentes facultades e escolas do campus, a sede da Vicerreitoría e o Pavillón Universitario contarán cun punto de recollida onde as e os integrantes da comunidade universitaria poderán depositar ordenadores, teléfonos móbiles, electrodomésticos e outra serie de aparellos que funcionen con pilas ou baterías. “Trátase da segunda edición desta actividade que realizamos neste curso e o funcionamento mantense igual que sempre”, salienta o director de área adxunto á Vicerreitoría, Luis Torres, que incide en que o principal propósito desta iniciativa é “contribuír á concienciación ambiental” da comunidade universitaria. Os aparellos que se reúnan nos diferentes puntos de recollida, nos que non se poderán depositar nin lámpadas nin baterías, serán trasladados posteriormente a un xestor autorizado para o tratamento deste tipo de residuos.

Na súa anterior edición, que tivo lugar no mes de novembro, esta actividade posibilitou a recollida de preto de 1600 quilos de RAAES, entre os que se atopaban 83 equipos informáticos e 51 televisores e monitores.