DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Comezaron este luns e prolongaranse ao longo de toda a semana

O campus acolle tres novos cursos de verán sobre informática, enoloxía e arqueoloxía

O obxectivo é proporcionarlle aos estudantes unha formación complementaria á titulación

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Raquel Feijóo DUVI 21/06/2010
Informática, enoloxía e arqueoloxía son as temáticas que abordan os tres cursos de extensión universitaria que comezaron a andar no campus este luns e que se prolongarán ao longo de toda a semana. O de informática trata sobre as Ferramentas de seguridade en GNU/Linux e está dirixido polos profesores Francisco José Ribadas e Víctor Manuel Darriba. O historiador e docente Fermín Pérez Losada, pola súa banda, dirixe un Curso Práctico de Metodoloxía Arqueolóxica: rexistro e análise de xacementos e materiais e as profesoras María del Carmen Pérez e Esperanza Fernández son as responsables dun seminario sobre Cata de viños, augardentes e licores.
O seminario de informática comezou o seu desenvolvemento co obxectivo fundamental de difundir os principios básicos da seguridade nos sistemas e dar a coñecer as principais ameazas existentes. Para acadalo o curso conta coa participación dun cadro de relatores constituído por profesores das universidades de Vigo, A Coruña e Santiago de Compostela que lles amosan aos participantes os mecanismos para implantar medidas de seguridade efectivas nos sistemas informáticos. Os asistentes iniciaranse tamén na administración segura de equipos, redes e servizos baseados no software libre e poderán analizar paso a paso, da man dos docentes do seminario, exemplos reais de instalación, configuración e uso de ferramentas de seguridade típicas en contornas GNU/Linux.

Cata de viños, augardentes e licores

Aprender a recoñecer as calidades visuais, aromáticas e gustativas dos viños e a expresalas nunha terminoloxía adecuada, coñecer as características propias dos viños brancos e tintos das denominacións de orixe galegas e distinguilos doutras zonas vinícolas e iniciarse na cata de viños doces, augardentes e licores son os obxectivos fundamentais que persegue o curso de Cata de viños, augardentes e licores que se está a celebrar tamén no campus co gallo da programación dos Cursos de Verán previstos para este ano 2010. O relatorio inaugural do seminario correu a cargo de Xosé Carballido, técnico facultativo da Consellería de Medio Rural en Ourense que falou sobre O viño, algo máis que unha bebida. O curso continuará o seu desenvolvemento ao longo da semana con relatorios impartidos por profesionais especialistas na temática e con sesións prácticas nas que os participantes aprenderán a recoñecer sabores e aromas.

Formar especialistas en patrimonio arqueolóxico

Na actualidade non existe en España unha titulación específica en Arqueoloxía, unha realidade que motiva que cada vez sexan máis os estudantes, titulados e profesionais que reclaman novas e mellores actividades formativas complementarias ás universidades que vaian máis aló dos programas académicos oficiais. Nesta contorna é onde se sitúa o curso sobre Metodoloxía arqueolóxica: rexistro e análise de xacementos e materiais que se está a impartir tamén no campus dende un punto de vista eminentemente práctico. A finalidade do seminario é a de achegar aos asistentes o corpus metodolóxico necesario para a práctica arqueolóxica e, nesta liña, o seminario está dividido en dous apartados, un para analizar as ferramentas aplicadas á análise dos xacementos e dos territorios e o outro para traballar no rexistro, estudo e conservación do material arqueolóxico.