DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A sesión terá lugar ás 12.00 horas no salón de graos do Edificio de Ferro

O campus acolle o último pleno do ano do Consello Social

Tamén abordará a aceptación da doazón das coleccións científicas de Vicente Rodríguez

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Rosa Tedín DUVI 28/12/2011
A piques de rematar o ano o Consello Social da Universidade de Vigo reunirase este xoves, día 29 de decembro, no campus de Ourense nunha sesión de marcado carácter económico. Os seus membros analizarán os orzamentos da Universidade de Vigo para o ano 2012 e someterán tamén a aprobación as súas propias contas, que rexistran un descenso do 8% respecto a 2011. Este pleno é o segundo que presidirá o avogado pontevedrés Ernesto Pedrosa desde que o pasado mes de setembro substituíu no cargo a Emilio Atrio, que tamén estará na reunión como convidado.

Na xuntanza, que terá lugar ás 12.00 horas no salón de graos do Edificio de Ferro, tratarase tamén a autorización á Universidade de Vigo para que acepte a doazón do médico ourensán Vicente Rodríguez Graza dunha serie de coleccións científicas que serán depositadas no campus de Ourense. Os membros do Consello Social tamén abordarán cuestións como a designación dunha comisión para organizar en 2012 os actos de recoñecemento ás empresas que colaboran coa Universidade; a adscrición de representantes do Consello Social no Consello de Goberno, entre eles o ourensán Federico Pérez, nomeado polo Concello da cidade; e a presentación dun informe sobre a estratexia da Universidade de Vigo nos social media.

O anterior pleno do Consello Social da Universidade de Vigo tivo lugar no campus de Pontevedra no mes de novembro. A súa reunión de decembro e a que pecha o ano producirase nesta ocasión en Ourense, unha cidade coa que varios dos membros da entidade teñen vinculación, como son Francisco Rodríguez, Luís Carreira, Xesús López, Mónica Vázquez, Miguel Anxo González, Arsenio Paz, Flora Castro e Federico Pérez, ademais do secretario do Consello Social, Ignacio Rodríguez.