DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Trátase dunha iniciativa de investigadores das universidades de Vigo e Fluminense de Río de Janeiro

O campus acollerá en abril a primeira edición do Congreso Euroamericano de Dereito e Política

A cita pretende ser un foro de discusión e intercambio de experiencias "das realidades transatlántic

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
DUVI 10/01/2017

O campus de Ourense acollerá do 18 ao 20 de abril o Congreso Euroamericano de Dereito e Política. A cita está organizada pola Área de Ciencia Política e da Administración da Universidade de Vigo en co-organización co Programa de Pós-Graduação em Justiça Administrativa da Universidade Federal Fluminense de Río de Janeiro, de Brasil. Será a primeira edición dunha cita que nace froito do contacto investigador entre persoal das dúas institucións académicas e que bota a andar co desexo por parte dos seus organizadores de converterse nunha cita periódica para o intercambio de coñecemento e experiencias e a reflexión en áreas de interese común.

Potenciar a faciana internacional

O comité organizador do congreso está composto desde a Universidade de Vigo por Antón Lois Fernández, profesor doutor da Área de Ciencia Política e da Administración, e Guillermo Suárez, catedrático de Dereito Romano e Sistemas Xurídicos Comparados. Por parte da Universidade Federal Fluminense está Edson Alvisi Neves, catedrático da súa Facultade de Dereito. A iniciativa, sinalan os seus promotores, “é o resultado do comprometido labor conxunto de investigadores das dúas universidades” e xorde “coa intención de ampliar o diálogo sobre intereses comúns, promovendo a aproximación académica e científica e propiciando unha mellor comprensión do contexto social en realidades de orixes estruturais conexas”. O xermolo desta colaboración, explica Antón Lois Fernández, está nas estadías que desde hai varios anos realiza este docente na Facultade de Dereito da institución académica brasileira, que permitiron abrir unha vía de colaboración que se materializa agora na posta en marcha deste congreso.

Esta acción, engaden os seus organizadores, baséase e quere potenciar a faciana internacional das institucións e grupos participantes. “O congreso pretende ser un foro de discusión e intercambio de experiencias das realidades transatlánticas, sobre temas de influencia directa nas áreas socioeconómicas e políticas dos dous continentes”, indican os promotores do encontro. A experiencia do estado de benestar, os mercados económicos, as realidades socio-xurídicas e institucionais en cada un dos países e continentes serán algúns dos temas obxecto de debate nas sesións que se celebrarán no marco deste congreso, que terá lugar na Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense.

Presentación de propostas para grupos de traballo

Co obxectivo de fomentar a participación de expertos dun e doutro lado do Atlántico, desde o Congreso Euroamericano de Dereito e Política convidan á comunidade universitaria e ao persoal investigador a presentar propostas sobre a temática do evento para ser expostas nos grupos de traballo que se desenvolverán durante a celebración da cita. O prazo para facelo remata o 15 de xaneiro. A presentación dos traballos seleccionados, apuntan desde a organización, compaxinarase durante o desenvolvemento das sesións do congreso coa intervención de académicos e con outras actividades complementarias.