DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A competición terá lugar na ESEI o día 3 de febreiro

O campus acollerá a celebración da Olimpíada Informática Galega 2024

A inscrición final está aberta ata o 18 de xaneiro

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Premios
  • TIC
  • Institucional
DUVI Ourense 10/01/2024

A Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense acollerá o sábado 3 de febreiro a celebración da Olimpíada Informática Galega 2024 (OIG 2024). A cita está organizada polo Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia en colaboración coas tres universidades públicas galegas (Vigo, A Coruña e Santiago de Compostela) e o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da UDC.  

A OIG está destinada a alumnado de Educación Secundaria Obrigatoria, Bacharelato e Ciclos Formativos de Grao Medio é o seu obxectivo é “a promoción do coñecemento e das vocacións nesta disciplina da informática tan presente en todos os ámbitos hoxe en día e necesaria para a formación integral da mocidade”. A organización da olimpíada pechou a preinscrición na competición con 20 participantes e abre desde este mércores e ata o 18 de xaneiro a inscrición final, para a que aínda quedan 16 prazas dispoñibles.

Clasificación para a fase estatal

A olimpíada celebrarase de xeito presencial o 3 de febreiro na Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense de 10.00 a 14:30 horas, contando coa colaboración da Facultade de Informática da Coruña da UDC e da Escola Técnica Superior de Enxeñaría da USC. A competición consistirá na resolución de seis problemas nun prazo de tres horas. Cada problema deberá resolverse empregando unha linguaxe de programación para automatizar a súa resolución, permitíndose o uso de C++, Python ou Java. Os problemas desta olimpíada soen centrarse no deseño correcto e eficiente de algoritmos. A cita permitirá seleccionar a dous representantes galegos para participar na XXVIII Olimpíada Informática Española, que se celebrará en marzo en Sevilla. De aí, as e os gañadores poderán acceder á Olimpíada Informática Internacional, que terá lugar en setembro en Exipto.

O certame está patrocinada por diversas entidades e empresas do sector TIC, como Abanca, Atos, Bahía Software, Clúster TIC Galicia, Councilbox, Duacode, DXC Technology, Emetel, Extreme Networks, Google Clouds, Minsait, NTT Data e Sixtema. “Grazas a estas entidades patrocinadoras, haberá premios adicionais para os seguintes postos na clasificación, ademais de para a mellor programadora feminina e para a ou o mellor participante da ESO”, indican desde a organización.