DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Entre o 9 e o 22 de decembro

O campus acollerá un curso de vixilancia competitiva inserido no proxecto Bioemprede

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
M. Del Río DUVI 02/12/2009

O proxecto de desenvolvemento transfronteirizo de empresas biotecnolóxicas, Bioemprende, está comprometido coa posta en marcha dun programa de formación en materia de vixilancia competitiva para axudar ás empresas e futuros emprendedores do sector a establecer unha metodoloxía de vixilancia tecnolóxica e intelixencia competitiva que lles permita manter e xestionar a competitividade da súa empresa nunha das súas áreas de maior valor estratéxico. Dentro deste programa de actividades formativas, a vindeira semana comezará no campus de Vigo un Curso de Vixilancia Competitiva organizado pola Fundación Universidade de Vigo ao abeiro do proxecto Bioemprende.

Docencia e profesorado

O curso terá unha duración total de 50 horas que se desenvolverán entre os días 9 e 22 de decembro cun programa que comprende dous módulos principais, un centrado na vixilancia tecnolóxica e outro na planificación estratéxica da I+D+i. Na primeira parte os asistentes achegaranse a temas como a creatividade e o proceso de xeración de ideas, os sistemas de información e as TIC, o benchmarking ou sistema de vixilancia tecnolóxica e intelixencia competitiva e a innovación no campo da biotecnoloxía. O segundo módulo afondará na planificación estratéxica da I+D+i e ofrecerá unha primeira aproximación tanto á viabilidade económica e financeira como ás fontes de financiamento. Asemade tamén permitirá coñecer de preto temas como a xestión de proxectos, a xestión da calidade nos proxectos, a normalización da I+D+i e os mecanismos de apoio financeiro á I+D e á innovación tecnolóxica.
A docencia deste curso será impartida por Juan Lojo, consultor sanitario de Galaria, Empresa Pública de Servizos Sanitarios, xunto con Trinidad Domínguez Vila, profesora invitada na disciplina Dirección e xestión da innovación tecnolóxica industrial e Innovación tecnolóxica na PEME e profesora asociada da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo de Ourense na disciplina de Xestión comercial e ferramentas de marketing en PEMES e Planificación comercial. Con eles, estará tamén Carlos Sarmiento Anguiano, consultor free-lance en Estratexia e Innovación e ex-técnico especialista en Iniciativas de Emprego de Base Tecnolóxica na Universidade de Vigo.

O papel de Bioemprende

Bioemprende promove vínculos de cooperación entre os axentes implicados no sector biotecnolóxico da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal para mellorar a capacidade emprendedora, identificar oportunidades de negocio e xerar sinerxías que favorezan a consolidación dun tecido empresarial biotecnolóxico. O seu obxectivo é ofrecer a emprendedores, pemes, centros tecnolóxicos ou provedores recursos para identificar oportunidades de negocio, capacitar a bioemprendedores e bioempresarios, mellorar a competitividade das bioempresas e potenciar a imaxe da Eurorrexión.
Este curso, que se celebrará na Facultade de Bioloxía, é de balde e toda a información precisa pode solicitarse na Fundación Universidade de Vigo.