DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A cita será nas pistas universitarias o día 22 de xuño

O campus acollerá o Gran Premio de Atletismo das Festas de Ourense

Cunha ampla participación de deportivas das diferentes categorías e modalidades

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Rosa Tedín DUVI 14/06/2013
A cidade de Ourense prepárase para celebrar as súas festas grandes a última semana de xuño e entre a programación deste ano destaca unha cita deportiva que terá como escenario o propio campus. As pistas universitarias acollerán o día 22 de xuño a celebración do primeiro Gran Premio de Atletismo das Festas de Ourense 2013. Durante a mañá e a tarde deportistas de todas as idades competirán nas diferentes modalidades de atletismo, incluíndo ademais de carreiras, lanzamentos de peso e saltos.

A competición está organizada polo Club Deportivo Aurum e pola Delegación Provincial da Federación Galega de Atletismo en Ourense, contando co patrocinio, entre outros, do Concello, do Consello Municipal de Deportes e do Servizo Provincial de Deportes da Xunta e coa colaboración da Vicerreitoría do campus, que cede o uso das pistas universitarias. “Para nós é unha satisfacción que o Gran Premio de Atletismo das Festas de Ourense bote a andar, con vocación de continuidade, no campus de Ourense e que atletas de todas as idades e modalidades poidan empregar as nosas instalacións deportivas”, destaca Rodrigo Alberte Pivida, responsable do Servizo de Deportes do campus.

A proba estrela, os 5000 metros masculinos

Durante a mañá do día 22 competirán as categorías, tanto masculinas como femininas, máis novas. Alevíns, infantís e xuvenís disputarán lanzamento de peso, salto de lonxitude e correrán os 50, 60, 80 e 150 metros. Xa pola tarde, realizaranse as probas de adultos e as competicións estrela dos pequenos, como son os 1000 metros infantil e cadete, os 500 metros benxamín e alevín e as finais de lanzamento de peso. Deste xeito, na categoría absoluta poderase ver lanzamento de peso, salto de altura e de pértega, triplo salto, 400 valados e 100, 400, 3000 e 1500 metros. Para rematar a xornada celebrarase a proba estrela do Gran Premio de Atletismo das Festas de Ourense 2013, a proba elite de 5000 metros masculinos. Nela, a organización agarda a participación de destacados atletas entre os que estará o ourensán Alejandro Fernández, que intentará superar a súa marca persoal.

Os tres mellores en cada proba da mañá recibirán as súas medallas ás 13.30 h. Na xornada da tarde entregarase ás 22.30 h un trofeo ao vencedor de cada proba, ademais dun premio especial de 200 euros á mellor marca feminina e masculina por táboa IAAF da competición. As persoas que se desexen achegar ao gran premio poden facelo ao longo de toda a xornada. O anel de atletismo do campus, que conta con oito rúas con zona para lanzamento de peso e para salto de lonxitude e de pértega, está situado no campo de futbol-rugby universitario.