DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Celebrarase de xeito presencial e en liña do 23 de febreiro ao 3 de maio

O campus acollerá a terceira edición do curso Jean Monnet sobre o Pacto Verde Europeo

A inscrición é de balde e aberta ás persoas interesadas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cursos
  • Internacional
  • Medio Ambiente
  • Académica
DUVI Ourense 29/01/2024

Cada venres desde o 23 de febreiro ao 3 de maio, o campus de Ourense acollerá a celebración dunha nova edición do curso do Módulo Jean Monnet sobre o Pacto Verde Europeo. O obxectivo desta iniciativa é dar a coñecer e fomentar o debate sobre a política e o dereito ambiental da Unión Europea no marco deste documento, que guiará a acción ambiental no ámbito europeo nos próximos anos. Ao longo de dez sesións, profesorado de distintas universidades españolas, especialistas nas respectivas materias tratadas, analizarán os seus principais contidos.

A actividade O Pacto Verde Europeo. Análise e perspectivas, de 40 horas de duración, está coordinada por Laura Movilla, profesora de Dereito Internacional Público e Relacións Internacionais da Universidade de Vigo e investigadora do grupo MEDEA-Iuris. Forma parte das accións do Módulo Jean Monnet The European Green Deal. Analysis and insights (GREENDEAL+A+I), coordinado pola mesma profesora. A edición agora lanzada é a terceira e última acción formativa deste módulo, que remata a súa actividade este ano.

Estratexia de crecemento e transformación da UE

O Pacto Verde Europeo adoptado en 2019, explican desde a organización do módulo, representa “unha nova e ambiciosa estratexia de crecemento que pretende transformar a UE nunha sociedade xusta e próspera, cunha economía moderna, eficiente no uso dos recursos e competitiva, na que non existan emisións netas de gases de efecto invernadoiro en 2050 e na que o crecemento económico estea disociado do uso dos recursos”. Tamén, engaden, pretende protexer, conservar e mellorar o capital natural da UE, e protexer a saúde e o benestar da cidadanía dos riscos e impactos relacionados co medio ambiente, apostando por unha transición "xusta e inclusiva". Ao longo das dez sesións, especialistas das universidades de Vigo, Murcia, Valladolid e Universitat de Barcelona abranguerán temas que van desde a introdución á axenda global de medio ambiente e a sostibilidade ata a UE como líder ambiental global, pasando por aspectos como a protección e conservación da biodiversidade, a agricultura e o sistema alimentario; as enerxías limpas e mobilidade ou a loita contra a contaminación e o fomento da economía circular.

O curso está aberto á participación do público xeral, aínda que, indican desde a organización, é de especial interese para alumnado de titulacións como Dereito, Relacións Internacionais e Ciencias Ambientais e para profesionais do ámbito xurídico e ambiental. A inscrición gratuíta está aberta ata o 21 de febreiro, habendo dispoñibles 45 prazas para a modalidade presencial (obrigatoria para o alumnado do campus de Ourense) e 45 para a modalidade en liña, a través do Campus Remoto da UVigo. A formación está recoñecido con 1,3 créditos ECTS para o alumnado de grao da Universidade de Vigo.