DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O reitor destaca as tres novas titulacións exculivas que comezarán a impartirse o vindeiro curso

O campus adapta a súa oferta académica ás necesidades do tecido social e económico da provincia

14 graos, 16 mestrados e nove programas de doutoramento integran a oferta

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Raquel Feijóo DUVI 30/06/2010

Unha das preocupacións máis importantes da Universidade de Vigo é a de adaptar os seus estudos e titulacións as necesidades do tecido social e económico da súa contorna. Así o subliñou o reitor, Salustiano Mato, que este mércores visitou o campus para presentar a oferta académica prevista para o vindeiro curso académico 2010-2011. Nas súas palabras, “estamos buscando con Boloña as necesidades que nos permitan adaptarnos moito máis ás demandas do mercado laboral e a procura deste obxectivo é un elemento clave e dinamizador que vai presidir o futuro da Universidade”, declarou. Nesta liña enmárcase a proposta formativa da institución en Ourense con 14 graos “totalmente adaptados ao Espazo Europeo de Educación Superior“, con 16 mestrados e con nove programas de doutoramento. Na súa comparecencia ante os medios Salustiano Mato destacou a vontade da institución académica de incrementar o número de estudantes no campus “grazas á calidade das titulacións, ao feito de estar adaptadas a Bolonia e ás novidades, singularidades e fortalezas que amosan os nosos graos e posgraos”.

Na súa intervención, Mato estivo acompañado por Emilio Atrio, presidente do Consello Social da Universidade de Vigo e por María Lameiras, vicerreitora do campus. Ao acto asistiron tamén os decanos e decanas das facultades e escolas do campus así como Francisco Rodríguez, presidente da Confederación Empresarial de Ourense, institución coa que a Universidade desenvolve unha estreita colaboración.

Mergullados en Boloña “sen perder ningunha titulación”

Explicou Salustiano Mato que nos sete centros que integran o campus ourensán (seis propios e a Escola Universitaria de Enfermaría como centro adscrito) impartiranse o vindeiro curso un total de 14 graos totalmente adaptados ao EEES. “É importante salientar que a Universidade fixo os deberes na adaptación ao Espazo Europeo de Educación Superior. Estamos xa mergullados en Boloña sen perder ningunha titulación”, declarou. A esta oferta hai que engadir o título propio de Graduado Superior en Información Técnica do Medicamento.

Un dos aspectos nos que o reitor fixo especial fincapé foi a incorporación no vindeiro curso de tres novas titulacións de grao que son exclusivas no sistema universitario galego, “cando o campus de Ourense non dispuña ata o de agora de ningunha”, destacou. Esas tres titulacións son o Grao en Enxeñaría Agrícola e o Grao en Ciencias Ambientais, que se impartirán na Facultade de Ciencias e o Grao en Consultoría e Xestión da Información que se impartirá na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo. Estes estudos súmanse aos que xa se viñan impartindo no campus e que abarcan todos os ámbitos de coñecemento: arte e humanidades (Grao en Xeografía e Historia), da saúde (Grao en Enfermaría), científico (Grao en Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos e Grao en Ciencias Ambientais), tecnolóxico (Grao en Enxeñaría Informática e Grao en Enxeñaría Agrícola) e xurídico-social (Grao en Educación Infantil, Grao en Educación Primaria, Grao en Traballo Social, Grao en Educación Social, Grao en Turismo, Grao en Administración e Dirección de Empresas, Grao en Consultoría e Xestión da Información e Grao en Dereito).

Mención de calidade para oito programas de doutoramento

O número de mestrados que se impartirán no campus no curso 2010-2011 ascende a 16 e entre eles inclúese o Mestrado do Profesorado, antigo CAP, que se impartirá na Facultade de Ciencias da Educación. O reitor sinalou, así mesmo, que dos restantes 15 mestrados “13 son propios e 2 interuniversitarios e abranguen todos os ámbitos”. Polo que respecta aos programas de doutoramento, Salustiano Mato referiuse a eles como “unha oferta académica de prestixio” posto que dos nove programas que se impartirán no campus no vindeiro curso “oito contan con mención de calidade”.

No curso 2009-2010 o número de estudantes matriculados en titulacións de grao, licenciaturas e diplomaturas nas facultades e escolas do campus foi de 4402. O reitor deu a coñecer esta cifra para subliñar a vontade da institución académica “de gañar en número de alumnos”. Mato lembrou que despois de moitos anos de baixada continua de matrícula no campus “por mor da estrutura demográfica do país”, a Universidade do sur de Galicia comeza agora a remontar. “O ano pasado foi o primeiro no que empezamos a medrar en número de persoas matriculadas e estamos convencidos de que seguiremos nesa liña ascendente”, declarou o reitor que unha vez finalizada a súa comparecencia ante os medios presidiu a reunión do Consello Social que este mércores se celebrou no campus de Ourense.