DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Universidade e o Colexio de Avogados de Pontevedra asinaron un convenio para impartir esta titulac

O campus amplía o seu perfil formativo co Máster en Avogacía

O alumnado que remate o Grao en Dereito deberá cursalo para poder exercer a profesión

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Bea Feijóo DUVI 21/05/2012

A oferta académica “singular” do campus de Pontevedra increméntase para o vindeiro curso co Máster Universitario en Avogacía, que acreditará aos titulados en Dereito para poder exercer a súa carreira profesional como letrados ou procuradores. Esta formación no campus será posible grazas ao convenio de colaboración que este luns asinou o reitor, Salustiano Mato, co decano do Colexio de Avogados de Pontevedra, Ramón Jaúdenes López de Castro, un novo título “que revitaliza a oferta formativa da cidade e permite combinar o rigor e a calidade académica da Universidade coa práctica profesional dos que a exercen”, subliñou o reitor.

O Máster Universitario en Avogacía, que comezará a impartirse no vindeiro mes de setembro, responde a unha esixencia normativa de ordenanza europea na que o alumnado saído das facultades de dereito deberá cursar estes estudos para poder obter a capacitación necesaria para exercer como avogado ou avogada, “un paso co que cumprimos o novo decreto pero que tamén coincide coa idea central da Universidade de que os nosos estudantes teñan unha formación completa dende as aulas e dende o contacto co mundo real profesional”, apuntou Mato. Para o decano do Colexio de Avogados de Pontevedra, con este convenio de colaboración dáse resposta “a unha vella preocupación da avogacía española patente xa dende os anos setenta como é a acreditación profesional ao remate dos estudos de licenciatura”.

O curso impartirase entre a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación e a Escola de Práctica Xurídica de Pontevedra e ofertará entre 25 e 30 prazas no primeiro curso, “respondendo á media de colexiación do Colexio de Avogados de Pontevedra”, sinalou María Teresa Pazo Currás, directora da Escola de Práctica Xurídica de Pontevedra. A parte teórica do mestrado será impartida polos profesores da Universidade de Vigo, mentres que a práctica quedará en mans do Colexio “que conta cunha experiencia contrastada na formación de letrados dende 1985, ano no que se fundou a Escola de Práctica Xurídica da cidade”, engadiu Ramón Jaúdenes López de Castro.

Doutoramento para o curso 2013-2014

A decana da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, Ana María Pita, sinalou que, unha vez establecido o Máster en Avogacía, o seguinte reto será ofrecer para o curso 2013-2014 o programa de doutoramento “abríndolles as portas a aqueles avogados que queiran acceder a esta oferta de terceiro ciclo ou afondar no estudo teórico dunha determinada materia”, sinalou a decana. Deste xeito, o mestrado non só será de interese para os novos graduados ou graduadas “senón tamén para aqueles profesionais da avogacía que queiran achegarse ao doutoramento”, engadiu Mato.
A sinatura deste convenio de colaboración únese aos xa rubricados polo reitor a semana pasada cos Colexios de Avogados de Ourense e Vigo, “o que achegará unha uniformidade e un equilibrio en todo o desenvolvemento do mestrado, pondo en común ensinanzas e aproveitando experiencias”, explicou Ana María Pita.

Máis novidades no campus

O reitor declarou ademais que este mestrado non será “a única novidade” para o vindeiro curso no campus. Adiantou que proximamente se presentará “a orientación estratéxica” da Universidade de Vigo en Pontevedra, definindo o seu perfil en función de dous eixes principais, “o da creatividade, abandeirado pola comunicación e polo mundo artístico, e o de deporte-saúde”, aclarou Salustiano Mato, que considerou que, a Universidade, ademais de ofrecer unha oferta académica en función da demanda social, debe especializar os seus campus para que sexan singulares. “Canto máis especializados esteamos, mellor nos complementaremos coa contorna e máis eficaces e fortes seremos no seu conxunto”, apuntou.