DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Celébrase o acto de benvida ao alumnado que se incorpora este cuadrimestre á Universidade de Vigo

O campus amplía a súa faciana máis internacional con novos estudantes de intercambio

O número de estudantes estranxeiros que rematarán o curso en Ourense elévase a 39

Etiquetas
  • Ourense
  • Estudantes
Rosa Tedín DUVI 02/02/2012

Sultan, Calorina, Josephine, Rita, Ioanna e Maria son seis alumnas que se veñen de incorporar recentemente ao campus de Ourense e que comparten unha característica común. Son estudantes estranxeiras de intercambio na Universidade de Vigo. Con procedencias xeográficas, estudos e inquedanzas moi diferentes, todas elas, xunto aos seus compañeiros de intercambio, afrontan unha nova etapa académica nos centros ourensáns con moitas gañas de perfeccionar o idioma, de avanzar nos seus estudos desde unha óptica diferente e de gozar dunha cultura e dunha cidade que lles esperta curiosidade.

Os 25 estudantes foráneos que este cuadrimestre se incorporan ao campus de Ourense, e que se unen aos 14 que permanecen do primeiro cuadrimestre, foron recibidos este xoves por María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense, e Eva Garea e Santiago Pato, técnicos da Oficina de Relacións Internacionais da Universidade de Vigo. “Benvidos á nosa Universidade, ao noso campus e á nosa cidade. Agardamos que durante a vosa estancia aquí aprendades moito pero tamén agardamos que gocedes da nosa cultura e dos lazos de amizade que xurdirán”, salientou María Lameiras á representación de estudantes presente no acto. Un desexo compartido por Eva Garea, que animou aos estudantes a empregar os espazos da ORI nas redes sociais para sacarlle o máximo partido a súa estadía na Universidade de Vigo.

A pesares das dificultades co castelán de moitos dos alumnos de intercambio, os asistentes ao acto de benvida puideron coñecer da man dos seus responsables os servizos de cultura, deportes, biblioteca, idiomas e psicopedagoxía que teñen á súa disposición. Tamén foi o momento de presentarse entre eles e de intercambiar as primeiras impresións. “De momento a experiencia está sendo moi positiva. Gústame moito a forma de dar as clases que teñen aquí, é como estar no colexio. En Alemaña na universidade vamos só a escoitar e aquí tamén collemos apuntes e paréceme un sistema moi bo para aprender”, explica a estudante de Dereito Josephine Mutzelc.

Por que Ourense?

As súas boas impresións son compartidas por Carolina Goulort, estudante de Brasil que cursa materias de Ciencias Empresariais e Turismo e Dereito. “A Universidade de Vigo paréceme moi moderna e gústame especialmente o dinámicas e rápidas que son as clases e o peso que teñen as prácticas”, salienta. Precisamente estas e outras características do sistema educativo español fixeron que Sultan Koremezli, estudante procedente de Turquía, escollese para continuar os seus estudos no estranxeiro “unha universidade do norte, que teñen uns criterios de calidade máis altos que no noso país”.

Sobre os motivos que levan a aos estudantes de intercambio a elixir a Universidade de Vigo, alén da calidade educativa, os alumnos de intercambio destacan o feito de que lles foi recomendada no seu país de orixe e o desexo de estudar nunha cidade asequible en tamaño e en economía. Deste xeito, Ioanna Koutsourindou e Maria Pyrgeli son dúas alumnas gregas de Física que salientan que escolleron o campus de Ourense polas boas recomendacións de anteriores estudantes e investigadores que estiveron na Universidade de Vigo. Entre a posibilidade de ir a Madrid, co custe económico e o reto de vivir nunha cidade tan grande que implicaba, Josephine Mutzelc escolleu Ourense porque é “unha cidade o suficientemente grande para min e cun campus universitario moi agradable”.

Sultan, Calorina, Josephine, Rita, Ioanna e Maria son unha representación dos 25 dos novos estudantes de intercambio que forman parte dos 39 estudantes estranxeiros que este segundo cuadrimestre estudarán no campus de Ourense. Proceden de Brasil, Grecia, Arxentina, México, Italia, Alemaña, Polonia, Portugal, Romanía, República Checa, Lituania e Turquía e repártense en porcentaxes moi similares polos diferentes centros do campus. A todos eles, a Universidade de Vigo lle deu hoxe a benvida dun modo moi caluroso por representar a faciana máis internacional e multicultural desta institución.