DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Cunha asociación aberta nunha primeira fase a PDI, PAS e estudantes de doutoramento

O campus aposta polos produtos ecolóxicos e de proximidade coa creación dun grupo de consumo

O obxectivo é amplialo a toda a comunidade universitaria 

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Divulgación
  • Medio Ambiente
  • Saúde
  • Institucional
DUVI Pontevedra 27/10/2020

Promover o consumo de alimentos de proximidade e ecolóxicos entre a comunidade universitaria é o propósito central do grupo de consumo Campus de Pontevedra, unha iniciativa inserida dentro das accións do programa Green Campus, que implicou a creación dunha asociación que subscribiu un convenio coa Universidade. Este grupo de consumo, presentado este martes na sede da Vicerreitoría, realizará pedidos semanais de alimentos ecolóxicos e de proximidade e estará aberto nun primeiro momento a docentes, persoal de administración e servizos e estudantes de doutoramento. “Queremos iniciar o camiño pouco a pouco, pero a nosa idea é que se poida universalizar a toda a comunidade universitaria nun futuro máis ou menos próximo”, salientou neste acto o director do Campus Crea e Green Campus, Carlos Souto.

Esta nova asociación, fundada por sete membros da comunidade universitaria, nace cunha “finalidade que vai máis aló do que significa consumir produtos, que ten máis que ver con entender as posibilidades que temos como cidadáns de convivir cunha nova forma de entender as relacións coa natureza”, engadiu neste acto o vicerreitor de campus, Jorge Soto. O PAS da Escola de Enxeñaría Forestal Luis Torres e a investigadora deste centro Anais Rivas, tamén impulsores desta iniciativa, participaron asçi mesmo na presentación deste grupo de consumo, que busca agora, a través dun formulario web, incorporar novos socios e socias.

Alimentos próximos, ecolóxicos e solidarios

Como explicou Souto, a creación deste grupo era unha das iniciativas inseridas no plan de acción do Green Campus do pasado curso e ten como obxectivo pór o foco na importancia de consumir produtos de proximidade, “porque é algo que inflúe directamente na pegada de carbono, na fixación de poboación e na creación de riqueza na nosa contorna”. Nese mesmo senso, Torres sinalou que o grupo aposta en primeiro temo por ese consumo de alimentos de proximidade, “que trataremos sempre que poidamos que sexan produtos que non estean a máis de 100 quilómetros de aquí”. Do mesmo xeito terán que ser tamén produtos cunha certificación ecolóxica e, ademais, “tamén se intentará entrar no que é o consumo solidario, que pasa por saber as condicións laborais nas que se elaboraron estes produtos”.

Nunha primeira fase, explicou Torres, o grupo terá como provedor á empresa Hortasan, que cada luns remitirá unha listaxe de alimentos, diferenciados por cores segundo o seu grao de proximidade, para que as e os socios poidan realizar os seus pedidos, que recibirán os venres. Non obstante, sinalou Torres, a idea é, “a medida que vaiamos medrando, poder buscar outros provedores a maiores”, tamén seguindo eses mesmos criterios. De feito, será preciso que os alimentos conten cunha certificación ecolóxica, e non caso de non tela, explicou, “teríamos que facer unha visita ás súas instalacións para comprobar que se realizan con boas prácticas produtivas”.

Consumir e concienciar

O obxectivo desta asociación é tamén, como engadiu Torres, pór o foco na importancia de comprar “cun sentido consciente e crítico”. De aí que ademais de ofrecer esta posibilidade á comunidade universitaria, buscará tamén realizar actividades “tanto internas como abertas á cidadanía”. Neste aspecto incidiu tamén Carlos Souto, que puxo o acento na importancia, en sintonía coas liñas de actuación do Green Campus, de que esta asociación sirva tamén para levar a cabo “labores de divulgación e educación ambiental na nosa contorna”. 

Un paso máis cara un campus cada vez máis verde

O vicerreitor do campus, por outra banda, lembrou que esta iniciativa forma parte dun proxecto, o programa internacional Green Campus, que está a permitir que o de Pontevedra sexa “un dos campus máis avanzados no que ten que ver coa sensibilidade medioambiental”. Nese senso, sinalou outra serie de actuacións acometidas nos últimos meses, como a instalación nas facultades de Ciencias Sociais e da Comunicación e Ciencias da Educación e do Deporte “de máis de 600 módulos fotovoltáicos, cunha produción estimada de 133.166 quilovatios hora”, así como as obras que se están a realizar para a instalación dunha rede de biomasa, que permitirá reducir as emisións de CO2 a atmosfera en 250 toneladas anuais. Soto puxo o acento así mesmo nas actuacións acometidas para reducir o consumo de auga e de plásticos dun só uso e anunciou a instalación, a vindeira primavera, dun punto de recarga de vehículos eléctricos no campus. Tamén nos próximos meses, sinalou, porase en marcha “un espazo ecolóxico de aprendizaxe, que máis que unha horta escolar vai ser unha especie de laboratorio de iniciativas e propostas, desde o verde e para o verde”.