DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Co apoio da CREIF, EE Forestal celebrará os actos conmemorativos coordinada con outras catro univers

O campus asume a coordinación nacional da Semana Mundial Forestal

Plantarase unha árbore nipona en conmemoración das vítimas do tsunami sucedido hai un ano en Xapón

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Bea Feijóo DUVI 13/03/2012

Co gallo do Día Mundial Forestal o vindeiro 21 de marzo, a Escola de Enxeñaría Forestal ten preparado un programa “extenso” de actividades para reivindicar o papel dos bosques na sociedade actual. Farao en colaboración coas escolas forestais de Álava, Madrid, Valencia e Córdoba, unha cooperación que é posible grazas ao apoio da CREIF, Coordinadora de Representantes de Estudiantes de Ingeniería Forestal, asociación da que o centro pontevedrés é socio fundador “e que nos asesora e nos dá apoio en todo momento”, explica Jennifer Souto, coordinadora da actividade.

É a primeira vez que a escola pontevedresa participa activamente na organización desta celebración conxunta "o que axuda a proxectar a nosa titulación e a crear vínculos de unión e colaboración con outras universidades", sinala Souto. En anos anteriores era común que cada universidade organizara os actos conmemorativos de forma individual, "pero dende hai un par de anos celébranse de xeito conxunto para darlles unha maior visibilidade”, engade a alumna. No campus pontevedrés o programa de actividades botará a andar o próximo martes cun ciclo de conferencias no que se debaterá sobre os certificados forestais “e a xestión responsable dos bosques da man de egresados da escola”, apunta o profesor Juan Picos, que axuda nos labores de coordinación da Semana Mundial Forestal.

Para o Día Mundial Forestal queda reservado o acto máis “emotivo” coa plantación nos xardíns da escola dunha árbore conmemorativa en lembranza das vítimas do tsunami sucedido hai un ano no país nipón. “Dada a proximidade das datas decidimos homenaxear a un país cunha importante tradición forestal e co que a nosa escola quere reforzar lazos de colaboración tanto no campo académico como científico”, sinala Picos. No acto, que será apadriñado pola asociación Casa Galicia Xapón, plantarase unha cryptomeria japónica, árbore nacional xaponesa, “unha das especies de maior interese forestal da illa e de boa aclimatación en Galicia”. O programa de actividades rematará cun “trivial forestal” no que alumnado e profesorado “porán a proba os seus coñecementos na materia”, engade Souto.

Juan Picos quere destacar a implicación e compromiso do alumnado coa proxección da titulación xa que todos as actividades programadas foron propostas e promovidas polos estudantes de último curso da titulación. “É toda unha honra que alumnos e alumnas desta escola amosen a súa capacidade de organización e lideren os cambios e innovacións que está a demandar o sector forestal”, apunta Picos.

Na xunta directiva da CREIF

A CREIF, asociación baixo a que se amparan as delegacións de alumnos das escolas forestais de España, naceu hai 10 anos co obxectivo de orientar ao alumnado na converxencia educativa europea. Recentemente a asociación acaba de renovar o seu equipo directivo e a alumna Jennifer Souto foi elixida secretaria. Este nomeamento potencia a visibilidade e a proxección da escola pontevedresa “conseguindo información de primeira man, como becas e programas de mobilidade, unha maior capacidade de asesoramento, así como unha maior promoción a nivel nacional do noso plan de estudos”, concreta Souto.

A importancia de que a Escola de Enxeñaría Forestal da Universidade participe activamente na CREIF reflíctese, entre outros aspectos, no feito de que se converterá nunha das sedes oficiais da Conferencia Internacional de Estudantes Forestais que se celebrará en España en 2013. “A IFSA, (International Forestry Student Association) organiza cada dous anos unha asemblea xeral con todos os estudantes forestais de todo o mundo e unha das xuntanzas terá lugar en Pontevedra, permitíndonos gañar presenza no eido internacional”, destaca Picos.